Xermolos loita pola recuperación da casa de Díaz Castro gravando dous spots

Suso e Bruno Pena son os encargados da dirección das pezas, que se darán a coñecer nas redes sociais
Gravación cun grupo de música rock
photo_camera Gravación cun grupo de música rock

A asociación cultural Xermolos, na súa intensa loita por salvar a casa natal do poeta Xosé María Díaz Castro, está a realizar esta fin de semana a gravación de dous spots, nos que participan un bo número de veciños do municipio, nunha iniciativa que amosa a implicación da sociedade guitiricense con este proxecto.

Suso e Bruno Pena son os encargados da dirección das pezas, que se darán a coñecer nuns días, e que se están a gravar en diferentes escenarios e localizacións de Guitiriz e con xente moi diversa.

«Alfonso Blanco púxose en contacto comigo e con Suso para a gravación, xa que é un dos principais implicados en salvar a casa do poeta», conta Bruno, mentres explica un pouco máis en que consiste cada vídeo.

«No primeiro spot diferentes grupos e perfís -profesores, alumnos, xente xogando a partida no bar, señoras agardando no ambulatorio, un grupo de música ou peregrinos- se amosan implicados co proxecto, e na outra falamos dos tópicos de Galicia», precisa o mozo, mentres concreta que a duración das pezas audiovisuais será de arredor de 30 ou 40 segundos.

Para lanzalos e facelos visibles empregarán os medios de comunicación e principalmente as redes sociais, plataforma que tamén utilizaron para tratar de buscar xente interesada en saír no vídeo.

«A montaxe non nos levará moito tempo, esperamos poder telo todo rematado nuns días e que o lanzamento dos spots coincida co concurso de tapas de Guitiriz, no que tamén se recadarán fondos», engade Bruno, ao tempo que fai fincapé en que cinco céntimos de cada ración irán destinados a salvar a casa de Díaz Castro.

«É un proxecto no que todos os que saen no vídeo cren. Queremos que se salve a casa, porque entendemos que é posible», conclúe este mozo director, autor da exitosa curta ‘A chave de Bascuas’.

Comentarios