lunes. 01.03.2021 |
El tiempo
lunes. 01.03.2021
El tiempo

A Xeración Xabarín

Algo tan sinxelo coma escoitar aos nosos heroes foi definitivo para que falaramos galego cos nosos colegas de instituto e mesmo para que hoxe lle falemos galego aos nosos fillos

PÍDENME QUE escriba un artigo sobre o uso do galego na miña profesión, e tamén na sociedade en xeral, así como das medidas que se poden tomar para mellorar o uso da nosa lingua. Seica é para que non falen sempre os mesmos. E claro, vou eu e pico coma unha troita á mosca seca, aínda que haxa que resumilo en menos de tres mil caracteres. Case nada.

Oficio? Podemos dicir que son xornalista, politólogo e armadanzas, ou mesmo emprendedor, que soa mellor. Son un deses tipiños galegofalantes que hoxe andamos entre os trinta e os corenta e pico anos e que medramos vendo os debuxos animados en galego. Algo tan sinxelo coma escoitar aos nosos heroes foi definitivo para que falaramos galego cos nosos colegas de instituto e mesmo para que hoxe lle falemos galego aos nosos fillos, que teñen moitas máis dificultades ca nós para ver os debuxiños na nosa lingua, por certo.

Aos da Xeración Xabarín o galego foinos inoculado con grande efectividade pola tele, en forma de música rock, punk e debuxos animados. Agora de vellos, gaiteiros, e somos nós os que tratamos de usar o audiovisual para dicirlles aos novos que o galego mola. Fixémolo co noso primeiro documental, 100% CEF, rapeando os versos do Celso Emilio Ferreiro para conmemorar o centenario do poeta celanovés e entrarlle polos poros da pel ao alumnado de moitos centros educativos do país. A poesía con rap entra.

Levamos máis de tres anos traballando nun proxecto documental sobre o escultor Francisco Leiro, un artista internacional que ve Cambados dende Coney Island e que fala en galego ao mundo enteiro dende Nova Iorque e Madrid. Esa é a Galicia que queremos para o futuro. Mais para emitir nunha cadea estatal esta peza seica ten que estar menos do 30% en galego. Teremos que nos dobrar.

Sociedade? Somos o que vemos, mais tamén o que comemos, por iso decidimos crear un produto cárnico galego de calidade, fresco, artesán e saudable, chamado Galeguesa, que só vendemos nunha pequena casa de comidas que abrimos en Vigo hai dous anos, despois de ter recuperado un monte abandoando, onde criamos gando vacún en liberdade, creando paisaxe e riqueza no rural.

Son pequenos soños perpetrados por un fato de xente sen capacidade de decisión nin influencia. Todos pertencen á Xeración Xabarín. Agardemos que non sexa a derradeira fornada. Mais para iso precisamos que os nosos cativos sigan aprendendo e vendo debuxiños en galego, que entendan que a lingua é unha ferramenta de defensa da súa identidade individual e colectiva e que sexamos quen de propiciar un gran pacto social e político en materia educativa e cultural. E xa falei de máis.

A Xeración Xabarín
Comentarios