Xeorxia: a inestabilidade como constante

Saakashvili cedeu, algo que non sempre ocorre. Cantos gobernantes recúan ante as protestas civís? O habitual é insistir, cando non reprimir. Mais neste caso o poder cede para gañar tempo, botando man dun xesto cosmético: convoca eleccións presidenciais para o vindeiro 5 de xaneiro, adiantándoas case un ano. Nese día, os cidadáns xeorxianos votarán para reafirmar a Saakashvili no poder ou para desaloxalo del, aínda que quizais daquela a decisión xa estará decantada dunha banda ou doutra.

Ningún presidente da Xeorxia democrática deixou o seu cargo polas boas, completando unha lexislatura. A Zviad Gamsajurdia, o seu primeiro xefe de estado, derrocouno un golpe de estado militar en 1992, ao que seguiu unha guerra civil que se alongou ate 1995. O home forte dos golpistas, Eduard Shevardnadze, era a versión xeorxiana do caudillo post-soviético: un vello comunista reciclado para a democracia autoritaria tras eliminar aos seus rivais. Canda el estivo ate 2001 o actual presidente, Mikhail Saakashvili, un neoliberal que liderou unha revolución pacífica como medio para acceder ao poder.

Balance escuro para a revolución
A Revolución das Rosas fíxose invocando o nome da democracia e das reformas, e ate agora tivo éxito no tocante a desmantelar o vello sistema. O Movemento Nacional-Demócrata (MND) de Saakashvili converteuse no partido hexemónico entre as revoltas de finais do 2003 e as eleccións de comezos de 2004, e dende aquela foi quen de desenvolver a súa política: recadou impostos, pagou aos funcionarios estatais, renovou a oficialidade do exército, flexibilizou o código do traballo e comezou a privatizar a educación e a sanidade. Ao aplicar todas estas medidas, Xeorxia converteuse no único estado ex-soviético onde a revolución liberal triunfou executando o seu programa, ao contrario do que ocorreu en Ucrania ou en Quirguizistán, onde os políticos do vello e do novo réxime aínda manteñen un pulso entre si.

O modelo do MND é o Occidente máis neocon e o seu soño é entrar na OTAN. Para iso están aplicando un neoliberalismo socio-económico que non está tendo os efectos desexados pola poboación do país: o crecemento do seu PIB (entre o 9% e o 8% nos últimos anos) contrasta co incremento da tasa de pobres (un 40% en 2006) e mais coa suba do paro (14% en 2005). A estas desigualdades sociais hai que sumarlle como lacra do novo réxime o seu forte autoritarismo político, así como a arriscada carreira armamentística que está fomentando nunha rexión susceptíbel aos enfrontamentos.

O actual goberno adica o 25% do orzamento do estado a gastos militares, aprovisionándose dunhas armas que en teoría deberían servir para integrar ao seu exército na OTAN, mais que tamén poden empregarse en caso de enfrontamento rexional. A fin de contas, quen son senón os veciños de Xeorxia? Xente de paz, todos eles: Rusia, ocupando Chechenia ao norte; Turquía, ocupando o Kurdistán ao sur; e no mesmo Cáucaso están Armenia e Acerbaixán enleadas polo enclave de Nagorno-Karabakh. Un escenario moi delicado ao que hai que engadir as dúas repúblicas secesionistas que ten a propia Xeorxia no seu interior, Abecasia e Osetia do Sur, independentes de Tbilisi malia os esforzos frustrados do novo réxime.

Pulso entre goberno e oposición
Saakashvili fachendea cando lle deixan de ser un bo demócrata. Igual que adiantou as eleccións rematará por suspender o estado de excepción. Quere gañar de novo, polas boas, e sabe que non as ten todas consigo: os manifestantes chegaron ao extremo de pedir a súa dimisión inmediata, un escenario incómodo para a reelección. A oposición está preparando o seu propio asalto ao poder, co multimillonario Badri Patarkatsishvili como candidato. Un novo home forte para Xeorxia? Xa son moitos en poucos anos, por moitos intereses contrarios que alimente a xestión dos oleodutos. Con estes movementos, semella que o desaloxo súpeto do poder se está consolidando como unha tradición na súa xoven democracia.

Comentarios