Xeopolítica para non lectores

Poderiamos dicir que o malestar dos máis novos vende, ou iso pode deducirse da grande cantidade de obras supostamente apuntan cara eles

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

EXISTE TODO un subxénero de ensaio dirixido á indignación. Poderiamos dicir que o malestar dos máis novos vende, ou iso pode deducirse da grande cantidade de obras supostamente apuntan cara eles. Como idea orixinal desta semana, descartada por falla de tempo, pensei en contrarrestar isto facendo obras como Política para conservadores ou Xeopolítica para ultradereitistas, pero para iso xa están a Fundación Faes e Paul Johnson. Desta non me vou facer millonario tampouco.

O problema desta morea de textos é que non todos poden ter a máxima calidade. Ao fin e ao cabo, mesmo para defender unha tese radical é preciso ter bos argumentos e saber procesalos. O risco de non facelo supón simplificar os temas e, ao final, dar razóns á parte contraria. Sucede isto con Política y geopolítica para rebeldes, irreverentes y escépticos, obra do profesor nicaraguano Augusto Zamora publicada polo selo Foca.

O primeiro defecto que se pode atopar na obra está en relación co seu título. Ademais de longo de máis, plantexa unha pregunta: os rebeldes, irreverentes e escépticos len obras de xeopolítica? O certo é que isto semella cousa de frikis, máis cando as primeiras páxinas se dedican a unha moi interesante historia da disciplina e deixan a un lado o ton panfletario que suporía un ao abrir o libro.

A partires deste inicio, tan necesario como anticlimático, Zamora constrúe un argumentario que explica a cosmovisión da esquerda latinoamericana, cun forte compoñente antiestadounidense e contrario ao colonialismo e o imperialismo. No fondo, todos estes discursos nacen como resposta á doutrina Monroe e o intervencionismo dos USA nos asuntos do resto de América. E un nicaraguano, por certo, ten moito de que se queixar. Que se trate de argumentos de parte non sempre anula a súa validez: non coñezo na literatura española mellor descrición da situación en Siria da que fai o autor. Breve e contundentemente explica que Daesh non saíu de ningures —como poderiamos chegar a crer se só lésemos medios "tradicionais"— senón da demencial política estadounidense na zona, que buscaba excluír a Irán e Rusia, e rematou facendo a ambos países eixes do Medio Oriente namentres Turquía se afunde no islamismo... e financia e acolle ao Daesh.

Pero coma sempre nestes casos, a necesidade de defender unha postura remata en incoherencias e terxiversacións históricas. Entre as primeiras son salientables as estrañas louvanzas a Rusia e o réxime nacionalista de Vladimir Putin, que non é precisamente un modelo de liberdades. Entre as segundas, a omisión dos horrendos crimes levados a cabo polos réximes (teoricamente) comunistas da URSS e China, e o recoñecemento de que a viabilidade económica dos países do Pacto de Varsovia, a pesares da mellora das condicións para millóns de persoas, era nula. A estes aspectos negativos súmase unha excesiva atención á trama de tratados e alianzas tecidas co paso das décadas por Estados Unidos, algo monótono e que podería terse resolto cun capítulo que explicase os aspectos máis básicos da diplomacia daquel país e outro máis especificamente centrado na Otan.

O horizonte de expectativas do lector marcará a valoración que fagamos deste ensaio: se esperan vostedes unha linguaxe panfletaria e argumentos que esmaguen ao rival, aínda a costa de certas simplezas, esta non é a súa obra; se pola contra desexan un estudo de xeopolítica afastado do pensamento dominante e cun discurso non demasiado académico, Augusto Zamora halles dar boas horas de lectura.

Comentarios