La gente de palacio va 'despacio'

A Torre de Doncos, construída no século XV, e rodeada polo río Navia.
photo_camera A Torre de Doncos, construída no século XV, e rodeada polo río Navia.

As parrafadas que bota o Navia, ás veces rotundo, ás veces morno. Os soutos que tordean infinitos por unha postal hiperverde, como soportais que a natura instala para unha tarde á fresca. O tempo non é analóxico ou dixital nas Nogais, é ‘slowly’ neste preámbulo dos Áncares.

A terra das noces tamén o é do tic-tac tranquilo, da pausa e do paseo. Porque o apuro non é bo compañeiro para mergullarse entre camiños que parecen non levar a ningunha parte. Sendas, carreiros que hai que transitar só polo pracer de facelo. Tan tópico como verdadeiro.

A capitalidade do concello abéirase á A-6, esa liña directa coa Meseta. A vila é pequena, dunha dimensión acolledora, cadrada entre ladeiras. Fronte ao Concello, un dos locais hostaleiros vén a contarnos iso de que menos é máis. Nunha esquina, detrás do futbolín, unha pequena cabina de dj fala de transformación. Un mesmo lugar para almorzos, tapas e noites de copas. Isto chámase reciclaxe.

O alcalde toma café cuns veciños e un deles acapara a conversa do aperitivo. Pregoa que se vai poñer a dieta, ante a pouca fe dos demais contertulios. Rulan pinchos de tortilla, embutidos dos de verdade e empanada, símbolo gastronómico que esta fin de semana está de gala. Entre mañá e o domingo celébrase a sétima festa adicada a este produto local.

O de comer gusta moito na Galicia profunda e non tan profunda, na montañosa e na marítima. Somos unha raza comedoriña, que dirían moitas nais.

E o de comer ben non é cousa de risa se se fala das rutas de sendeirismo e paseos que tece As Nogais. Hidratos e unha aceptable forma física son precisos para achegarse, por exemplo, á torre de Doncos, un dos múltiples vestixios históricos que se erguen soberbios entre bosques. O acceso non é doado, pero como advirte Edita, unha veciña, «aquí non che hai nada fácil».

Patrimonio

O camiño a esta fortaleza do século XV é un circuíto de baixadas e subidas que tira ben das pernas pouco entrenadas en tales empresas. No seu tempo exercía labores defensivos grazas a súa estratéxica situación como entrada a Galicia e está rodeada polas augas do Navia.

No núcleo de Doncos tamén destaca outra xoia da arquitectura civil, o pazo que leva o nome desta parroquia duns 50 habitantes.

Sabemos de Elena Veiga. No 2006 visitámola para que nos falara como última criada do palacio, no que serviu 50 anos.

Atopámola (feliz sorpresa) sentada na entrada da casa, aos seus casi 99 anos -cumpre o 13 de agosto-. «E de que casa es?», pregunta. «Do Progreso. Acórdase de cando saíu no periódico?». Lembra e sorrí.

Como hai seis anos, recíbenos cariñosa -bicos e apertas- e invita como entón ás súas adoradas galletas Surtido Cuétara. «Bueno, os anos pasan», resume ela, que segue tomando café e que dá longos paseos a diario, como confirma Manuel, o marido da súa sobriña Carme, cos que vive.

A dous pasos está a igrexa parroquial, cun reloxo antigo -o que dá a hora a Doncos- que Manuel insiste en amosar. Está vencellado ao templo porque dende os 13 anos aprendeu de sacristán.

O reloxo, no campanario, sepárase do chan por «66 escalóns», asegura Manuel, que durante moitos anos encargouse de darlle corda: «Agora xa non, que vou canso».

Igual que outros veciños, máis dunha vez e dúas tivo que tocar as campás para misa ou outras celebracións relixiosas. A falta de campaneiro oficial, «aquí cada un encárgase de buscar a alguén que as toque cando ten un defunto».

Non é que este home sexa pesimista, é que os pobos van maiores. Nos últimos oito días pecháronse dúas das casas de Doncos pola morte dos seus propietarios.

Carme prefire o verán, cando o pobo se enche de turistas e retornados temporais porque, ás veces, «isto é demasiado tranquilo».

«Pero tomade un café...», di Carme. «E unhas galletas», engade dona Emilia. A Montaña lucense é así, coas portas abertas.

Non é unha escena nova, pero sempre desarma aos urbanos, eses que nin coñecen o que vive ao lado, que non abren ao carteiro -menos aos da «publicidade comercial!»- e que non sempre esquivan a venda telefónica (que chega a calquera hora).

En calquera momento tamén aparecen as visitas de Edita González polo negocio familiar, a casa de turismo rural A Lareira, a uns catro quilómetros das Nogais, na estrada que leva a Torés.

Alemáns, ingleses, de Madrid, de León, galegos, arxentinos. A clientela é diversa, aínda que non se pode evitar falar de crise. «Abrimos todo o ano... ata que nos poñamos ricos».

Sete habitacións coquetas, unhas panorámicas de luxo, mobles antigos e un restaurante son algúns dos atractivos desta casa restaurada de máis de 400 anos.

De entre os enseres, Edita agarra unha grande xarra de cristal, das de facer guinda, mentras se despide: «Isto é para ir a un curso de pintura decorativa que hai nas Nogais». Seguro que xa terá buscado un lugar na Lareira cando remate co ornamento.

‘on the road’. O tráfico é fluido nas tardes das Nogais. Non se berra e os semáforos son poucos. Só hai que deterse un anaco para que un veciño acabe de armar o tractor. E máis adiante, outro paisano ocupa a estrada carrexando as súas vacas.

Xa de paso, o fotógrafo baixa para tirar a foto. Deben de andar cansos do momento tópico e acabamos rindo todos cun «¿qué, llevando recuerdos gallegos, ou?».

Surtido de troitas, vellas fortalezas, rutas e igrexas

Un dos veciños máis queridos das Nogais é o río Navia, visitado no seu curso por pescadores galegos e de fóra. Un día laboral non é o más propicio para o ocio da pesca, pero aínda así atopamos a Manuel Castro, de Becerreá, preparando a cana. É o seu primeiro día de pesca da tempada e sempre que pode, intenta vir por troitas.

Ao fresco

Cando cae a tarde nas Nogais e o mercurio afrouxa, a localidade parece revivir. Nun banco a carón da casa está Daniel. «Páganme por estar ao fresco», rentraquea.

Santo André

Dubida ao principio, pero cuns datos precisos para coller confianza abre a porta da igrexa de Santo André, que non hai que deixar de visitar. Mistura diferentes estilos artísticos. Posúe unha parte mozárabe do século IX, outra románica do XII; tamén outra do XIII e unha neoclásica do século XVII.

Pinturas no ábside

Chaman a atención as pinturas populares no ábside, en representación do firmamento, que por outra parte urxen unha inmediata restauración.

Ademais...

Torés é outro núcleo cunha grande riqueza patrimonial, coa fortaleza do século XV, da que se conservan as ruínas da torre, e a igrexa, cun retablo barroco do XVIII.

E de camiño, nunca mellor dito, a Ruta da Ferrería de Bois, a de Doncos ou a dos Soutos. Donde elexir hai.

Comentarios