A "xenerosidade" de Lamas e García Cendán enche a Casa das Palabras

O centro cultural guitiricense acolle parte da obra e da biblioteca de ambos chairegos
Acto inaugural da exposición de táboas de Anxo Lamas e da biblioteca de García Cendán
photo_camera Acto inaugural da exposición de táboas de Anxo Lamas e da biblioteca de García Cendán

A Casa das Palabras de Guitiriz acolle desde onte unha parte importante da obra do artista de Bazar Anxo Lamas e da biblioteca do sociólogo vilalbés Bernardo García Cendán, que foron cedidas -no caso do segundo, pola súa familia- á Irmandade Manuel María e á asociación cultural Xermolos, nun acto cargado de «xenerosidade», tal e como destacaron os asistentes á inauguración, e «amor pola terra, sobre todo pola Terra Chá».

No caso de Anxo Lamas, donou un total de 64 táboas dedicadas a outros tantos autores chairegos, unha colección «feita para agradecer a homes e mulleres o feito de ternos enriquecido coas súas obras», tal e como manifestou o propio artista.

A exposición será itinerante e, segundo avanzou Alfonso Blanco, xa se están facendo trámites para levala á zona de Betanzos, á Estrada ou a Carballiño.

O responsable de Xermolos explicou tamén que a familia de García Cendán lles entregou «parte da súa biblioteca, con manuscritos, libros en galego, de consulta...». «Queremos seguir dando a coñecer a Bernardo, a súa vida e a súa obra», engadiu.

A idea é que estos elementos, «que van quedar para que o noso pobo siga compartindo esta obra e xenerosidade», pasen nun futuro á casa natal de Xosé María Díaz Castro, que Xermolos quere converter «nun centro de vida e creación da Terra Chá», dixo Blanco.

No acto inaugural tamén interviron Baldomero Iglesias ‘Mero’, que recordou as vivencias cos dous homenaxeados; Rubén Aramburu, que agradeceu que «en tempos de escamoteo e apropiación, vexamos o contrario», e Martín Seco, sobriño de García Cendán, que destacou o amor que inculcaba seu tío «pola xente, a patria, a terra e a cultura».

Comentarios