A xeito de S.O.S

"A xeito de S.O.S.
falo na madrugada
pechai todas as portas
e que xa ninguén saia"

É Celso Emilio Ferreiro o que ceiba ese berro de náufrago no seu libro ‘Viaxe ao país dos ananos’ (1970). Máis de tres décadas despois, os feitos evidencian que o berro se perdeu no eco do eco, tan lonxe como o destino dos galegos e galegas que esta terra expulsou.

Porén, deixando á parte os milleiros deses dramas persoais, Galiza aínda tiña unha poboación relativamente nova. Certo que desde 1835 a 1970 perdera 1.130.000 habitantes, segundo o profesor da Universidade de Vigo Alexandre Vázquez, mais a representación gráfica da poboación aínda tiña forma de pirámide. Agora a pirámide inverteuse e xa se sabe o que lle agarda aos países nos que iso acontece: non hai futuro.

Estes días volvéronse a acender as alarmas coa constatación de que non se alcanza, nin por asomo, o índice de reposición. Acontece en moitas comunidades do Estado. Seguindo co caso galego, en2013, fronte ás 30.427 defuncións, houbo só 19.726 nacementos, segundo informou este xornal. Ás perdas que determina a bioloxía, á caducidade da existencia, hai que sumar o número dos homes e mulleres que se van, xente, a maioría, en idade de traballar e de procrear.

Por iso non se entende que manter a poboación non sexa o primeiro e principal obxectivo dos que nos gobernan. E, desde logo, isto non se consegue modificando a lei do aborto nin incentivando os nacementos con míseras esmolas que nunca chegan. Ninguén pare un fillo para que incremente o número de criaturas que viven por baixo do limiar da pobreza, 2.306.000 en todo o Estado, para vergoña nosa, se é que nos queda.

Mentres se ocupan de salvar o Capital, a única riqueza que nos pode garantir a supervivencia evádese en avións, a arrastrar coa equipaxe a decepción por un país que perdeu o rumbo moito antes de Zapatero e a súa política da avestruz. E aí segue, a dar paus de cego, sen identificar o maior dos seus males ou, o que é peor, identificándoo sen lle poñer cura.

Hai aldeas abandonadas que xa non se poñen á venda, senón que se entregan gratis a quen se comprometa a rehabilitalas. Unha boa metáfora dun país en saldo. Acaso un inmenso coto de caza, pasadas poucas xeracións, para os poucos superviventes da hecatombe.

Xa non abonda con pechar as portas e que ninguén saia. Cómpre abrilas para que entren de novo as persoas que marcharon. Abrir as portas é atopar solucións ao desemprego e garantir unhas condicións de vida dignas. Non hai máis candil que o que aluma. Oxalá que o atopemos para que vexan claro o camiño do regreso. Fóra del moito me parece que nos perderemos, sobre todo, os que ficamos aquí.

Comentarios