Perfil

Xan Carballal: "A Mariña inspírame movemento, Lugo representa a calma"

O director da Orquestra Clásica Profesional Lugo Camerata (LUCA) fala de como a súa infancia no parque Rosalía de Castro lle evoca moitas viraxes rítmicas, dende a música do xogo dos camelos ou dos carruseis no San Froilán ata a das orquestras clásicas algún día subidas no vello palco. Os seus xogos nese lugar deron en atopar unhas notas que logo afinou con moito estudo e esforzo para poder chegar a ser quen é
Xan Carballal, director da Orquestra Clásica Profesional Lugo Camerata (LUCA)
photo_camera Xan Carballal, director da Orquestra Clásica Profesional Lugo Camerata (LUCA)

A BATUTA é o instrumento que garda entre as mans. Máxica coma a variña dun mago, Carballal (Lugo, 1959) utilízaa para dirixir varias orquestras clásicas e tamén para dar clase nas escolas de música de Burela e Mondoñedo, onde reside.

Cambia moito a persoa que vostede é con respecto á idea que tiña de cativo?
Todo cambia dende neno a adulto: a visión de futuro e as cousas que se idealizan. O espírito é o mesmo, pero cos anos funme volvendo máis calmado e desfruto máis de todo aquilo que fago.

En que barrio de Lugo se criou?
As costas do parque eran o meu barrio. Ía ao colexio da Anexa e compartía xogos de indios e vaqueiros cos compañeiros na rúa. Os meus pais eran xastre e modista, nada que ver coa música.

Que formación realizou?
Estudei violín alternando coa universidade, onde estudaba Dereito. Composición, harmonía, tamén estudei óboe, dirección con Blastimil Pacacek na República Checa e, para rematar, Pedagoxía.

A aparición de Brath foi nun momento importante para o folk galego, abríndose a novas fusións. Que recordos ten daquela etapa?
A raíz da formación do grupo foi cando por primeira vez tomei contacto co mundo profesional. Gardo cantidade de bos recordos, de anécdotas e unha entrañable relación de cariño e amizade con todos eles.

Por que esmoreceu Brath despois de certo éxito?
A música folk sempre está aí, pero, como en todo, as tendencias flutúan e unhas veces estás máis en auxe que outras.

Pensou que sería definitiva a súa mudanza á Mariña?
Foi no 1986. Si, sempre o pensei. Dende que cheguei xa pasei por traballos en Xove, Viveiro, Vilalba, Burela, Mondoñedo,...

Cantas horas ao día dedica á música?
Dedico todo o meu tempo á música, son músico 24 horas ao día.

A súa muller, Xulia Nogueira, tamén se dedica á música e é profesora. En que momento se xuntou na súa vida e como afectou no plano musical?
Pois levamos 30 anos xuntos, e considero que sempre apoiou a miña carreira profesional por riba da súa. É un gran apoio.

E a súa filla Nara?
Rematou o grao de música na especialidade de violonchelo na Universidade en Alemaña, e agora está por rematar un segundo grao en pedagoxía musical. É moi ambiciosa en canto á súa formación se refire e non dubida en marchar onde faga falta para recibir a mellor preparación posible.

Coa nova tempada da Luca na mente, séntese motivado?
Si, estou moi ilusionado, a verdade é que me sinto alagado porque decidiran contar comigo para a dirección musical deste proxecto. Todo require esixencia para facelo ben, pero con grandes profesionais e teño por seguro que co tempo poderemos situar a provincia de Lugo no panorama musical.

Que outros proxectos ten pendentes ou como aspiracións na súa vida?
Só aspiro a non defraudar a ninguén no aspecto profesional e persoal e, sobre todo, aos meus alumnos, que xa son moitos.

Que banda sonora lle poñería á Mariña e cal a Lugo capital?
Para min A Mariña inspírame movemento, acción. Lugo representa a calma. En cada lugar teño diferentes sensacións.

Ir do escenario de Ortigueira ao do auditorio Gustavo Freire é cuestión de idade ou elección persoal?
É cuestión das dúas cousas, todo na vida ten un momento e se se pode escoller desfrútase mellor.

Está vivo o panorama da música clásica na provincia?
Somos moitos os implicados en que así sexa, creo que é un traballo de fondo o conseguir que adquira maior notoriedade. Sería importante conseguilo, sobre todo pensando no futuro dos estudantes de música. Para iso, son necesarios os centros educativos: escolas, conservatorios...

Un artista de música clásica para enganchar ao público novo?
Os rapaces de hoxe reciben moita información a través das redes sociais. Hai moitos músicos novos que fan música clásica, que xogan con ela subindo estas experiencias ás redes, o cal é un bo conduto para chegar aos mozos. Se hai que poñer un nome concreto vénseme á mente Ara Malikian, que é un gran showman, que é capaz de enganchar os rapaces nos seus espectáculos.

Para quen non tocaría nunca?
Para quen non teña intención de escoitar.

Unha banda sonora para un día 7 de agosto na cidade de Lugo?
El caballero de la rosa de Richard Strauss.

Comentarios