Xabier Pérez:''Ser irmán de Lucía Pérez claro que axuda, aínda que os nosos estilos non sexan moi acordes''

 A diferenza da súa irmá, a música non o sorprendeu coas primeiras palabras. Comezou a cantar con 16 anos e un despois entrou no Grupo Enigma, co que amenizou verbenas durante unha década. Agora, Xabier Pérez (O Incio, 1981) acompaña a Lucía nalgúns acústicos, dalle forma a Analgésicos e vai gravar un disco con temas propios. Colle o teléfono no tren que o leva a Santiago, desde onde partirá a Carballo para pórlle música á voz máis eurovisiva.

P: Pensaba que os artistas ían en avión privado ou limusina... ¿Como vai a viaxe en tren?
R:  Morrendo de calor; isto segue sendo caro e pouco efectivo...

P: Vai camiño de Carballo, onde acompañará hoxe [polo luns] a Lucía. ¿Toca sempre con ela?
R: Ultimamente acompáñoa cando fai concertos en acústico.

P: A nivel persoal ten un novo proxecto. ¿Que é Analgésicos?
R: É un grupo que montamos tres amigos: Alfredo González, un cantautor moi recoñecido en Asturias; Silvia Quesada, voz do grupo folk Tejedor; e eu. Facemos cancións núas a piano e guitarra e traballando a 3 voces. Son cancións antigas levadas ao noso estilo, para estar tranquilo nun bar.

P: Levan pouco tempo...
R: Si, só 6 actuacións, pero agora chamáronnos para tocar un día á semana en xullo e agosto nun bar na praia en Tapia de Casariego.

P: ¿É difícil facer oco na música, mesmo sendo irmán de Lucía?
R: Hai un problema cultural. Neste país a xente non ve o que escribe cancións como un traballo e é un oficio tan digno como o de albanel. Ademais con todo o da SGAE... Ser irmán claro que axuda, e tamén ser amigo, aínda que o seu estilo non sexa moi acorde co meu. Vénnos ben porque leva unha carreira moi sa e ben feita.

“Non é concibible ir a un programa e un día despois ser o mellor artista do mundo”

P: ¿Cómo é a relación musical entre irmáns?
R: Estamos en contacto diario. Ademais, no estudio de gravación que teño na casa facemos pequenas cousiñas. Incluso o seu produtor, Chema Purón, e mais eu imos colaborar nun disco que imos facer para un rapaz de Santiago.

P: Non semellan parecidas as influencias de ambos...
R: Son moi distintas. Aínda que tamén teño que dicir que Lucía escoitou todo tipo de músicas. A música é cultura e, por suposto, escoito de todo, desde o blues máis antigo, clásica... e sempre me gustou o rock folk de toda a vida.

P: É catro anos maior que Lucía Pérez. ¿Influiría nela como cantante?
R: A verdade, non. Ela comezou a cantar antes ca min, xa cando empezou a falar, e eu fíxeno máis tarde, aos 16. Home, algo sempre achegas, porque estamos en contacto e lle podo dicir “escoita isto ou aquilo”.           

P: Dígame, ¿cal é o segredo da súa familia para que saian todos artistas?
R: Ningún, porque na familia nós somos os únicos que nos adicamos á música (risas). ¡Ben,
ela xa se adica e eu estouno intentando! Iso si, temos algún tío ao que lle gusta cantar...        

P: ¿Como ve a carreira de Lucía tras ‘Eurovisión’?
R: Foi un paso importante, pero debe seguir o proceso lóxico que leva desde que hai 8 anos se adica profesionalmente á música. Non foi casual, senón por traballar duro. Na música hai que ir dando pasos curtos, pero ben dados; ir despacio. Para min non é concibible que vaias a un programa e ao día seguinte sexas o artista máis grande do mundo.
                               

Comentarios