lunes. 21.09.2020 |
El tiempo
lunes. 21.09.2020
El tiempo

Xabier Fortes: "A gran batalla do xornalismo hoxe pasa por reivindicar a honestidade e a independencia"

O xornalista Xabier Fortes
O xornalista Xabier Fortes
O xornalista pontevedrés Xabier Fortes faise co premio Ondas ao mellor presentador, que recibirá ex aequo co catalán Josep Cuní. O xurado recoñéceo "polo seu entusiasmo no micrófono e pola súa coraxe en defender a verdade nos informativos de TVE en Galicia"

"Aínda que pasemos malos momentos na profesión, e eu paseinos, paga a pena. A pesar dos atrancos, dos desgustos e das decepcións. Un ten que facer o que ten que facer. A min ensináronme así os meus pais e estou moi orgulloso diso", di o xornalista Xabier Fortes. "Hai que reivindicar a honestidade e a independencia. Esa é a gran batalla que ten por diante o xornalismo hoxe".

Co micrófono aínda na man, en Xinzo de Limia (Ourense), cubrindo para Televisión Española (TVE) o que son os días posteriores aos incendios do pasado domingo, pillou a concesión do premio Ondas como mellor presentador a Xabier Fortes (Pontevedra, 1966). "Viñen facer un directo para o Telediario e foi despois, cando paramos comer nun restaurante, que comecei a recibir mensaxes de felicitación no móbil".

Licenciado en Ciencias da Información pola Universidade Complutense de Madrid, Fortes traballa actualmente na redacción de informativos de TVE en Galicia. Comezou a súa carreira a finais dos anos 80 en Radio Nacional en Vigo para, posteriormente, en 1990, incorporarse á delegación de Pontevedra de TVE, dende a que marchou á de Santiago. En 2007 foi nomeado director do Centro Territorial de TVE en Galicia e catro anos máis tarde, da man de Fran Llorente, pasou a dirixir e presentar La noche en 24 horas, un espazo que abandonou trala destitución de Llorente como director de informativos.

"Para min este premio é unha sorpresa. Non o agardaba. Levo tempo sen estar na primeira liña informativa. Non se che pasa pola cabeza que ninguén poida pensar en ti", recoñece o xornalista. "Así que estou moi emocionado".

COMBATIVO. Membro do Consello de Informativos de TVE, Fortes é un dos xornalistas que máis se ten implicado publicamente nos últimos tempos na defensa da independencia da canle pública e na denuncia da manipulación informativa. É precisamente este perfil combativo o que lle recoñece especificamente o xurado dos Ondas, que di premialo "polo seu entusiasmo no micrófono e pola súa coraxe en defender a verdade na redacción de informativos de TVE en Galicia".

Fortes di entender o premio como un recoñecemento ao colectivo que loita por sacar adiante a televisión pública. "Para min é un premio colectivo. Represento a todos os compañeiros tanto do Consello de Informativos como a todos os redactores, cámaras, operadores, realizadores, produtores... que levan tempo loitando por recuperar unha televisión pública digna ao servizo dos cidadáns", comenta.

O xornalista recoñece que ten moitas esperanzas na nova Ley de RTVE. "O que pasa é que moitos compañeiros vimos na etapa de Fran Llorente, con outra televisión pública, máis incisiva e non tan apegada ao poder, que era posible. E seguimos comprometidos con recuperar aquel modelo. Non podemos dar un paso atrás xusto nun período como o actual de crise para os medios públicos e para o xornalismo en xeral. Os xornalistas temos que esixir desapego e distancia co poder económico e co poder político".

COMPAÑEIROS. Fortes di lembrarse de moitos mestres e compañeiros coa concesión do premio. "O primeiro de todos, Marcelo Otero, xa falecido. Un tipo exemplar en canto a constancia, esforzo, traballo e rigorosidade", di. "Máis recentemente, Fran Llorente, que me ensinou a ser descarado e a non ser compracente co poder só por estar nun posto de responsabilidade".

No medio deles menciona a moitos máis. "Lémbrome de todos os compañeiros de Radio Nacional en Pontevedra, do Diario de Pontevedra e do Progreso. Lémbrome de todos os amigos de Pontevedra e da xente de Pasarón. Lémbrome dos meus pais e dos meus irmáns, da miña muller, María, que me leva aguantando máis de 25 anos, e dos meus tres fillos, Xabi, Dani e Mario, que son o mellor que me pasou na vida".

Fortes defende a morte a profesión. "Facer xornalismo é sinxelo. Só hai que ter un pouco de valentía. Porque só se trata, en definitiva, de contar o que pasa, pese a quen pese. Nada máis. Iso é o xornalismo".

Xabier Fortes: "A gran batalla do xornalismo hoxe pasa por...
Comentarios