Xa non sabes se o que vai deprisa é o ano ou a troula

Os Pelúdez prolongan a súa estancia en Lugo un día máis a petición do xornalista

COMO XA fixera nos días que non acompaña aos pais, o Jarrison pasa toda a xornada no San Froilán Miúdo, onde hoxe tiñan un obradoiro de percusión con refugallo de Gallaecia Eventos, O son que me arrola da Asociación Antonio Gandoy, un concerto de Gallaecia Gallaeciños, os xogos do Paxaro Carpinteiro e cen entretementos máis, que como díxo o avó:

-Co listo e espelido que saín eu, se chego a ter tantas cousas coma as que hoxe poñen diante aos nenos, non habería Premio Nobel que se me resistise.

-Sobre de todo o de Literatura, que ti tes máis conto que Castelao.

-Non está nada mal traída a comparanza, nada mal...!

-Falando de letras -dígolles cando percorremos o mercado medieval ao carón da catedral-, non terán pensado marchar o 13 de mañanciña como fan todos os anos?

-Pois si, ese é o plan. Chamar aos Blablacar e ir saíndo en ringleira de acordo coas posibilidades...

- ...e co avisador radafónico na orella- engade a Filo.

-Por que o preguntas? Non me dirás que este é o primeiro ano que non te aledas de que marchemos? O primeiro ano no que non encargas unha enchedola de codillo pra festexar que quedas sen a obriga de vir canda nós ata pra mexar?

-Iso non é certo. Quedo canso, de acordo; pero eu sen vostedes non viviría as festas coa intensidade coa que as vivo.

-Aí falaches.

-E luejo que sucede se marchamos pola mañá?

-Pois que ás oito do xoves presento no Círculo unha novela dunha muller de Lugo e gustaríame moito telos de convidados no acto, como están todos os lucenses que queiran vir.

-Coño, iso se fala! Perde coidado que alí estaremos. Demoramos un día a partida e non pasa nada.

-Consensúo co meu home -di a Filo-. E como é que non dixeches nada ata hoxe?

-O caso é que está a falar do tema toda a prensa internacional e pensei que xa...

-É que eu durante as festas perdo o norte... Ben sabes ti que nin sequera reparo na edición vespertina do Bild Zeitung.

-Ben sei.

-Como se chama o libro?

-O estornudo da mariposa.

-Carafio! Iso soa interesante, coma cando ao meu can deulle por ter salouco e houbo que levalo a don Severino pra que llo quitara dun susto. Non terás un exemplar por aí?

-Teño.

O matrimonio púxose a botar unha ollada con moito interese e logo de confirmar que hoxe estarían no acto, o Pelúdez pregunta.

-Todo o que vén aquí, tíñalo ti nos teus miolos? Quedaríanche baleiros como os de Jarrison.

-Ben, como xa está todo amañado e coma hoxe é o día do Pilar, da Hispanidade e de cando o mundo foi o dobre do que era, no nome de Piliña dos Ollos Grandes, quedades todos convidados a unha cea que vai arder Troia- dixo a Filomena máis rumbosa que nunca.

Como cos berros se xuntara moita xente ao redor da muller, ela comeza a sinalar cos dedos

-Bo, ti non ... ti tampouco... a ti nin te coñezo … saca de aí … ti non vés …

De tal xeito que quedamos os de sempre.

Logo de recoller a Jarrison e mais a Reborita das Arieiras no San Froilán Miúdo, xuntámonos todos pró concerto de Brath (1980-2016) na Horta do Seminario e no que participaban a Banda de Gaitas Devandoira, o grupo de corda Lucus, o grupo vocal Codex Box, e o guitarrista Manuel Rodríguez, un músico que pertencera á Década Prodixiosa.

-Cando rematan unhas festas sempre tes a sensación de que pasaron coma un lóstrego, pero logo veñen outras aínda máis axiña e xa non sabes se o que vai deprisa é o ano ou a troula _ filosofa o Pelúdez.

-Tempus fugit! -resume o Peludeciño.

-Carpe diem! -engade a Vanesa.

-Et memento mori! - remata a Reborita.

Como a Filo quedaba sen dicir nada e despois de uns segundos de moito matinar, vai e di:

-Ite misa est!

E todos comprendimos que as festas do santo Freilán do ano 2016 estaba rematadas, ou case. Pasaron rápidas é certo, pero esta familia de festeiros e outras moitas disfrutaron duns días nos que houbo máis motivos pró lecer que pró rosmar, e iso sempre é bo prós cidadáns.

Viva o San Froilán e ata o ano que vén!

Comentarios