'‘World tour’' de distincións

Os queixos producidos en Vilalba colleitaron numerosos premios nas citas gastronómicas internacionais de maior importancia
Queixo de San Simón da Costa
photo_camera Queixo de San Simón da Costa

VILALBA. As queixerías de San Simón de Vilalba viviron outro ano memorable no tocante a premios e as súas alegrías non chegan só da man do seu produto estrela, senón tamén da aposta pola diversificación sen perder a calidade.

A XIX Cata dos Queixos de Galicia, celebrada hai uns días, deixou constancia deste feito, xa que dos cinco ouros a repartir, dous recaeron en queixos vilalbeses. Na categoría da DOP San Simón, os produtos de Don Gabino, As Fontelas e Catadoiro coparon o podio, mentres que en tetilla a vitoria foi para outro queixo de fabricación vilalbesa, neste caso de Daniberto, cun cuarto posto para Prestes.

Estes importantes recoñecementos a nivel local son un espello do que está a acontecer en prestixosos certames a nivel nacional e internacional, onde as marcas vilalbesas están a conquistar os padais dos xurados.

Só neste 2016 que toca á súa fin, os produtores da capital chairega suman preto dunha vintena de distincións, con presenza en todos os certames de renome.

É salientable o fantástico balance dos World Cheese Awards, onde catro queixerías conseguiron facerse con nove galardóns. Cinco deles foron para Prestes, que conconcorría con cinco queixos, todos con premio: tres bronces para Capricho da Chaira, Lara&Sara e o seu patelo e dúas pratas para o San Simón. O resto das distincións foron para o San Simón de Cas Leiras (prata), Crisanto (dous bronces) e As Fontelas (bronce).

Os produtores salientan a relevancia que teñen estes recoñecementos como publicidade para toda a DOP San Simón da Costa

Esta última queixería tamén conseguía previamente dous galardóns no XI Concurso Internacional Premio Roma, que soubo recoñecer a calidade do seu San Simón e da súa patela na primeira vez que a fábrica vilalbesa se presentaba ao certame.

Por outra banda, o San Simón de Valado facíase cunha medalla de ouro no VII Campeonato GourmetsQuesos, onde o azul de Prestes tamén colleitaba un meritorio bronce. E no Concurso Internacional Cincho 2016 foi Cas Leiras a que tinguiu de ouro o seu San Simón, un galardón especialmente ben acollido por ser o ano do décimo aniversario da queixería de Oleiros, a última en sumarse en Vilalba á denominación de orixe.

«O que máis ilusión nos fixo foi o Capricho da Chaira, e o azul segue quedando moi ben», contan en Prestes, que valoran especialmente estes recoñecementos porque «nós queremos dirixir a venda cara o mercado exterior e abren portas, aínda que a nivel local non teñan maior repercusión».

Nas Fontelas inciden en que «é importate só estar, e se consegues un premio aínda é moito máis visible», destacando a promoción que supón para chegar «a sitios que antes non chegabas». «Son un recoñecemento á traxectoria e son bos a nivel publicitario», precisan en Daniberto.

«Os premios sentan ben», indican en Valado, mentres dende Don Crisanto precisan que «son bos para toda a denominación, non só para a queixería». «Polo menos valórase o traballo que facemos e como o facemos», conclúen en Don Gabino.

As distincións das queixerías de San Simón van acompañadas de boas cifras, polo que deste 2016 que está a piques de concluír todos fan un balance positivo, satisfeitos coas vendas locais e nacionais e expectantes ante o potencial do mercado internacional. «Estamos abrindo máis mercado», din en Catadoiro, unha idea extensiva ao resto de queixeiros.

Comentarios