A voz, o mellor instrumento

Compoñentes da coral Xermolos de Guitiriz (Foto: C. Pérez)
photo_camera Compoñentes da coral Xermolos de Guitiriz (Foto: C. Pérez)

En maio do 1985, hai xusto 25 anos, iniciaba a súa andaina a coral Xermolos de Guitiriz, formación que un cuarto de século despois acada un novo fito coa gravación dun traballo discográfico no que se inclúen dez pezas.

«Quixemos escoller unha boa representación das cancións que compoñen o noso repertorio, con pezas de todo tipo, música galega, habaneras, música sacra...» explican dende a coral.

O listado de temas gravados «nunhas tres horas» no estudo Miñomedia do concello do Corgo está composto pola canción popular portuguesa ‘O rama que linda rama’, a panxoliña ‘Jamaican Noel’, as habaneras ‘Con sabor tropical’, ‘El abanico’ e ‘Extiende la red’ ou a peza sacra do século XVIII ‘Sacris Solemniis’.

No disco tamén se inclúe unha das últimas incorporacións ó seu repertorio, ‘The lion sleeps tonight’, as pezas galegas ‘Maruxiña’ e ‘Morriña’ e a que quizais sexa a canción máis especial de todas, ‘Remuíño’, un poema do escritor guitiricense Xosé María Díaz Castro musicalizado polo director da coral Manuel Vizcaíno Díaz. «‘Remuíno’ é unha peza difícil, que nos gusta moito porque nos custou moito traballo preparala», recordan.

Nesta gravación, propiciada por un proxecto da Deputación de Lugo e da Fundación TIC, interviron un total de 24 voces, ademais do director da coral. Delas, doce son homes -tenores e baixos- e outras tantas son mulleres -sopranos e contraltos- ademais de intervir Iria Regueiro como solista na panxoliña inglesa de Kirby Shaw.

Historia

A gravación deste disco, que en breve verá a luz, culmina un cuarto de século de traballo da coral Xermolos, que debutara un 17 de maio do 1986, co gallo das Letras Galegas, no colexio Lagostelle. A formación, dirixida por aquel entón por Alfonso Delgado, xurdiu da escola de música desta asociación cultural cun carácter mixto, con voces de nenos e adultos e instrumentos de corda, unhas características que se mantiveron ata finais dos 80, cando se fai unha reestruturación e desaparecen os instrumentos.

A este debut seguirono moitas e moi variadas actuacións ó longo da xeografía galega ou fóra das fronteiras da comunidade, na radio ou na televisión, sen faltar á súa cita anual co Festival de Pardiñas. Os intercambios con outras corais e as colaboracións con entidades locais coma o Concello, a escola de música ou a banda municipal tamén son frecuentes para a formación, que dirixe o mestre Manuel Vizcaíno Díaz dende o ano 1998.

Estes 25 anos de traxectoria son merecedores deste recoñecemento en forma de disco e tamén dun acto conmemorativo, que xa están a barallar os seus membros.

O disco inclúe dez temas variados, con habaneras, música sacra e galega, unha panxoliña e a canción propia ‘Remuíño’

Comentarios