A voz da Terra Chá

A moza Marta López Seara, de Castro de Rei, representará á comarca no programa Recantos da Televisión de Galicia, unha experiencia «nova» coa que espera superar «todos os medos»
Marta López Seara
photo_camera Marta López Seara

Como acontece con moitos dos cantantes da volta, a moza Marta López Seara, de Castro de Rei, asegura que comezou a sentir interese polo mundo da música cando era «ben pequeniña».

A nova voz da Terra Chá, que representará á comarca na próxima edición do programa Recantos da Televisión de Galicia, lembra cun sorriso como sendo apenas unha nena escoitaba e cantaba cancións de Rocío Dúrcal e Camela coa súa tía.

«Nunca tomei clases, fun autodidacta», di Marta, que agora que está metida de cheo neste mundo non descarta asistir a algunhas leccións. «A técnica é algo difícil de adquirir por un mesmo», recoñece esta artista que en 2014 se subiu por primeira vez a un escenario coa orquestra Tropicana-León, onde estivo dúas tempadas.

Hoxe forma parte do elenco da Principal, coa que percorre toda a xeografía galega. «Isto é algo que desfrutas, vives para elo, séntelo. No meu caso non me supón ningún esforzo. Cando comeza a soar a música é como se os problemas desaparecesen», asegura esta cantante, que decidiu enviar un vídeo ao programa «para vivir unha experiencia nova».

«Creo que todos temos medos que debemos superar e eu, a pesar de dedicarme a isto, son algo tímida. Participar en Recantos pode axudarme a romper definitivamente comigo mesma», espera a artista, ademais de aproveitar a ocasión para rodearse de «grandes compañeiros e profesionais, dos que sempre absorbes moitas cousas».

As aspiracións de cara ao concurso non son pretenciosas. «O tema de gañar sempre está aí, pero para min non é o máis importante. Creo que me sentiría gañadora se consigo o meu propósito de romper artisticamente», di esta moza, que considera que só con aproveitar e vivir a experiencia xa se dá por satisfeita.

Ademais de representar á comarca chairega «no programa de máis audiencia da TVG», Marta ten moitos plans de futuro. «Se me é posible, polo concurso e o traballo, gustaríame tomar clases de teatro e canto e, quizais, me arrisque tamén con algún instrumento», di unha moza que espera triunfar na vida e na música.

Actualmente, Marta forma parte do elenco da orquestra Principal, coa que percorre toda a xeografía galega

Comentarios