Volverán os viquingos a Foz

Os viquingos xa non só van a Catoira, pois desde este verán teñen unha nova parada en Foz e semella que o lugar e as súas xentes lles gustaron tanto como para volver en vindeiras campañas. Naceu con eles este fin de semana una nova festa de época na Mariña e visto o éxito, a organización non pode máis que pensar na súa continuidade. É tamén ese o sentir unánime de todos os que participaron, que foron moitos, e que non perderon a ocasión para vestir as súas mellores galas —normandas, claro— e fixeron regresar á vila uns cantos séculos atrás para rememorar a loita dos focegos contra os invasores do norte e a resistencia que deu base á lenda do Bispo Santo, con San Gonzalo como figura líder e protectora.

Precisamente foi este o primeiro acto da xornada de onte, que comezou cunha chamada de auxilio desde o faro a todos os veciños ante a proximidade da flota normanda —historicamente dise que as comezos do século XII foron uns 300 os navíos que intentaron invadir Foz entrando pola ría—. Os defensores acudiron á loi ta contra os viquingos desde distintas rúas da vila ata Tupide pero non puideron evitar o desembarco dos normandos no Porto Chico, lugar onde se fixo a escenificación da lenda de San Gonzalo, co coñecido veciño Yoyo no seu papel.

Pero non todo foi loita, xa que houbo tempo para actividades menos guerreiras como vodas vikingas e, para os máis pequenos, xogos populares na Praza Conde Fontao e no paseo da Rapadoira. Despediuse a festa cun espectáculo de humor baixo o título ‘Que veñen os viquingos!’ e co nomeamento de Viquingo Maior para José Luis Muñoz, un turista que chega a Foz cada verán desde hai medio século.

Non podía estar máis contento o presidente da organizadora Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos, José Carlos Paleo, para quen esta primeira edición da festa supuxo «encender un motor cultural, económico, comercial e ó mesmo tempo de promoción turística». Foi unha boa fin de semana tamén para a hostelería, que celebrou de forma paralela unhas xornadas do polbo. Hoxe seguirá o mercado tra  dicional na explanada do Porto Chico, con máis de 50 postos artesáns. 

Comentarios