A voltas coa lingua española

Sede do Instituto Cervantes en Madrid, durante a celebración do Día do Español (Foto: EP)
photo_camera Sede do Instituto Cervantes en Madrid, durante a celebración do Día do Español (Foto: EP)

A facultade de Humanidades ofrece 25 prazas neste grao, que supón a continuación das ensinanzas máis antigas da Universidade de Santiago. Nesta volta, o título aparece renovado e ofrece varias opcións ao estudante, como obter un ‘minor’, ou pequena especialización, en Estudos Ingleses.

A transformación dos estudos filolóxicos en graos é a última volta desta carreira na longa historia desta rama do coñecemento, que na Universidade de Santiago xurde practicamente ao mesmo tempo que a propia institución, no século XV. A facultade de Humanidades foi partícipe desta tradición cando se implantou no campus de Lugo a licenciatura en Filoloxía Hispánica, que agora se transforma no grao en Lingua e Literatura Españolas. Humanidades conta cun cupo de 25 prazas para impartir estos estudos renovados en Lugo.

Para elaborar o novo grao, as facultades de Santiago e de Lugo consultaron titulacións afins noutras institucións: a Autónoma de Barcelona, a do País Vasco, Salamanca, Oviedo, Valladolid, Sevilla, Complutense de Madrid, Zaragoza ou Palma de Mallorca, entre outras. O resultado é un grao renovado que ofrece a posibilidade de reforzar os estudos no eido da lingüística e a literatura hispánicas ou compatibilizalos con estudos noutros eidos. É o que se deu en chamar ‘maior’ e ‘minor’.

Así, o ‘maior’ constitúeo a análise lingüística do español e da produción literaria española e latinoamericana, os seus procesos de creación e recepción, e a súa contribución social dentro da historia da cultura. Pero este tronco central complétase con outras posibilidades.

A arquitetura do título inclúe: un módulo de formación básica de 60 ECTS -común a todos os graos filolóxicos da USC-; un ‘maior’ de formación específica en Lingua e Literatura Españolas, de 120 créditos; un módulo de formación complementaria pero obligatoria, de 24 créditos; un módulo optativo, tamén de 24 créditos, e un traballo de fin de grao.

Deste xeito, o estudante pode organizar o seu currículum de maneiras diferentes. Pode ter un ‘maior’ reforzado co módulo optativo, de xeito que afonda máis na especialidade principal; ou pode combinar un ‘maior’ e un ‘minor’, para o que precisa escoller un módulo optativo que sirva de continuación ao módulo complementario, de maneira que curse 48 créditos dunha mesma disciplina. No caso da facultade de Humanidades, pódese cursar o ‘minor’ de Estudos Ingleses.

Esta especialidade ofrece ao alumno a formación básica necesaria para manexarse con solvencia en lingua inglesa, así como un coñecemento inicial do panorama da literatura nas Illas Británicas e Norteamérica e da historia e cultura dos países de fala inglesa.

O módulo de Estudos Ingleses I, de 24 créditos, inclúe as materias de Introdución á Literatura Inglesa, Introdución á Literatura Norteamericana, Lingua Inglesa e Tradución directa e inversa. No módulo de Estudos Ingleses II, o alumno cursará outros 24 créditos, que se compoñen coas materias Historia e cultura dos países de fala inglesa; Literatura Inglesa I, Fonética e fonoloxía inglesas e Técnicas de expresión escrita en lingua inglesa.

Prácticas

O grao non prevé a realización de prácticas externas de carácter obligatorio. Porén si se poderá obter recoñecemento académico dun máximo de seis créditos optativos pola realización de prácticas externas relacionadas co título. Os estudantes que opten por esta vía, deberán ter superado 150 créditos, entr eles todos os correspondentes aos dous primeiros cursos da titulación.

En todo caso, a facultade comprométese a realizar anualmente unha convocatoria pública da oferta existente de prácticas.

Empregabilidade

A memoria que xustifica o novo grao en Lingua e Literaturas Españolas que se imparte na Universidade de Santiago asegura que estes estudos presentan una «ampla e variada gama de perfís profesionais para os graduados». O perfil docente é o maioritario nos actuais licenciados, xa que os titulados nestas disciplinas constitúen o grupo máis numeroso no conxunto do profesorado do sistema educativo no ensino secundario. Segundo a memoria, «a carga docente asignada no currículo escolar á materia Lingua Española e Literatura e as necesidades de renovación, por motivos naturais, do persoal docente encargado de impartila non fan prever unha redución deste segmento de ocupación». A docencia contémplase tamén como posibilidade noutros eidos, como o universitario ou a rede do Instituto Cervantes.

Tamén se sinala que a demanda social do ensino do español como lingua estranxeira, o ensino de español a inmigrantes, a educación permanente e a formación de adultos ou a docencia en centros e universidades estranxeiras vai en aumento e supón unha importante canteira de emprego para os graduados.

Ademais, detéctanse outros sectorse emerxentes, sobre todo actividades profesionais relacionadas co mundo editorial e coa prensa, como a edición de textos, a crítica literaria e textual, a produción editorial, a correción literaria ou de probas, o asesoramento, a tradución, a redacción e colaboración en medios de comunicación; así como as relacionadas coa industria da lingua. Neste senso, sublíñase o ámbito de novas tecnoloxías, en clara expansión, e tamén «noutras áreas incipientes pero de notable proxección futura, como a mediación lingüística ou as relacións transculturais».

Outras ocupacións, con menos peso pero con tradición, incluirían o asesoramento lingüístico, a peritaxe xudicial en lingüística forense, a intervención e evaluación das patoloxías da linguaxe, a xestión cultural e artística e a política e planificación lingüísticas. Ademais, inclúese a investigación lingüística e literaria.

Intercambios

A USC ten convenios de intercambios cun bo número de universidades españolas, dentro do marco do programa Sicue. Dentro do programa Sócrates/Erasmus, existe posibilidade de estancias na maioría de países europeos e, ademais, este abano increméntase con convenios bilaterais, especialmente con universidades latinoamericanas, ademais doutras en Australia, Canadá, China, Corea do Sur, Estados, Unidos, Xapón e Rusia. Tamén hai estancias en Kirguizistán, Tadzhikistán e Uzbekistán, no marco do Erasmus Mundus.

HISTORIA

  • Orixe nos estudos de Gramática. A orixe dos estudos filolóxicos na Universidade de Santiago remóntase a 1495, cando o notario Lope Gómez de Marzoa consegue as licencias necesarias para establecer unha escola de gramática. Os estudos filolóxicos desenvólvense despois na facultade de Filosofía e Letras, creada en 1922 e en 1975 constitúese a facultade de Filoloxía. Os estudos pasarían por varias modificacións, ata que en 1994 se subdividen en nove especialidades filolóxicas, entre elas a de Filoloxía Hispánica que xa viña funcionando.
  • Reunificación. A transformación ao Espazo Europeo de Educación Superior (EEES) supuxo unha reunificación dos estudos, que se concentran agora na USC nos graos en Lingua e Literatura Españolas, Lingua e Literaturas Galegas, Lingua e Literaturas Inglesas, Filoxía Clásica e o grao en Linguas Modernas.

PERSOAL

Doce profesores para impartir o grao

No momento de aprobarse a memoria do grao, en 2008, a facultade de Humanidades tiña 6 profesores adicados á área de Lingua Española - un catedrático, catro titulares e un colaborador- e seis no eido da Literatura -todos eles titulares-

Perfil

Aínda que non se esixe unha formación previa específica, é recomendable que os estudante teña cursado o bacharelato na modalidade de Humanidades e Ciencias Sociais. Ademais, é recomendable, suxire a xustificación do título, que teña curiosidade intelectual, hábito de lectura, sensibilidade estética, capacidade analítica e crítica, constancia e responsabilidade no traballo, capacidade para o traballo en equipo, competencia en expresión oral e escrita, competencia lingüística básica en algunha lingua estranxeira e en instrumentos informáticos.

Comentarios