A vueltas con lo mismo

Cartel dunha campaña francesa polo voto dos estranxeiros. EPL
photo_camera Cartel dunha campaña francesa polo voto dos estranxeiros. EPL

si, este é outro artículo máis sobre a convulsión ocasionada por Podemos nas pasadas eleccións europeas. Entendo que estean vostedes cansos de ler sobre o coletas de Iglesias, pero nin sequera os críticos literarios somos quen de escaparlle ao fenómeno, xa que -sorpresa- había novidades que trataban sobre temas que o rodean. Antes de seguir analizando o libro, déixenme dicir que intelectualmente estou moi satisfeito co sucedido o pasado domingo. Como resumiu retoricamente en certa rede social un dos meus lectores empedernidos, amigo, lucense exiliado e politólogo de cabeceira -si, é todas esas cousas o pobre-, Javier Mouriz: «Quen pensaría que un partido nacional con politólogos ao mando e sen presións de baróns podía petalo nunhas eleccións...». Vai ser que facer política de maneira intelixente é máis sinxelo con politólogos que con iletrados e tipos con «estudos en». Toda unha novidade.

Os politólogos, esa raza á parte, non só serven para poñerlle picante ao escenario político senón para escribir libros nos que explican como o poden facer: é o caso de ‘La urna rota’, primeira obra en papel do colectivo Politikon, que ata o momento viña desenvolvendo a súa actividade na rede. O perfil halles soar: rapaces nacidos nos oitenta ou finais dos setenta, licenciaturas, doutorados, másters, inquedanzas e... emigración, neste caso non semella que obrigada polos seus perfís, mais si necesaria, xa que semella que hai mundo alén Behobia.

'La urna rota', de Politikon A obra -presentada por certo cunha cuberta de cor rosa chicle absolutamente horrorosa- analiza a crise política e institucional do modelo político español. Faino en dous bloques, como corresponde a un libro cuxo vector semella apuntar ao programático: unha presentación dos problemas e unha proposta das solucións, proposición que de entrada debemos louvar polo seu carácter técnico e pragmático. Non creo que sexa operativo para ningún país escribir artigos, e hai un carro deles, que propoñan como solución transformacións éticas na clase política. Serían desexabeis, pero en realidade os políticos teñen unha ética máis ou menos igual de discutíbel có resto de moradores da pel de touro (Portugal incluído), así que mellor usar instrumentos intelectuais que impidan que poidan chegar a ingresar no endémico patio de Monipodio que temos montado na res pública española.

Aquilo que analizan e propoñen os rapaces de Politikon é unha volta ao mesmo que veñen escoitando estes días. A Transición, que tivo moitas virtudes, foi un movemento de avance... coas defensas voltas cara o pasado. Así pois construíuse un sistema electoral e de partidos completamente defectuoso no que se premia a fidelidade perruna a elites internas demasiado decote formadas por auténticos patáns (mellor non poñer exemplos) e se tentaba electoralmente a nivel nacional, de modo pouco disimulado, que gañase o partido que teoricamente daba máis garantías para a estabilidade, a UCD de San Adolfo Suárez. Anos despois, a burbulla inmobiliaria veu abrir a ferida ata que esteamos nunha situación política que cada día se pode describir mellor coa miña frase preferida da matanza, aplicada a outros contextos: «O cocho respira».

Todo isto ten solución. Sorpresa: non se basea en non facer nada (un saúdo para don Mariano), nin tampouco en ser acaudillados por unha señora que tardou dez anos en sacar a carreira de Dereito namentres trazaba a traxectoria que os autores describen como a dun político funcionario de manual (un saúdo para dona Susana). Trátase de reformar a Lei Electoral mirando un chisco máis lonxe dos seguintes catro anos, actuar para as políticas públicas baseándose en evidencias (non bromeamos nin Politikon nin eu, traten de analizar racionalmente os actos da caste política) e aproveitar o bo que teña o sistema, como por exemplo unha clase de funcionarios que ben poderían dedicarse a controlar os que non saben controlarse. Nin sequera á hora de recoñecer os seus fracasos.

La urna rota
Politikon

Editorial Debate

Páxinas 288 Prezo 15,90 €

(Publicado na edición impresa o 31 de maio de 2014)

Comentarios