Volallas

ADEMAIS DO SEU labor como Ministro de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, o señor Arias Cañete é un importante activo de inspiración para comentarios de prensa e algunhas grazas, un terreo por certo no que compite con outras figuras gobernamentais de grande predicamento na materia. Pero o señor ministro deixa unha impronta caracteristica, consecuencia quizais da sua facundia, unha pegada poida que procedente da sua terra de adopción, que é Jerez de la Frontera. Ou iso pensábamos cando hai xa tempo, se queixaba da pouca calidade dos camareiros procedentes da emigración, que xa non atinaban á hora de dispensarlle co almorzo a manteiga ‘colorá’. Mais desde que o presidente do Goberno lle confiou a responsabilidade do medio ambiente, o señor Arias converteuse nun decidido conservacioniasta e, de aí, a exhortación que acaba de facer para aforrar auga e combustible, que non é outra que ducharse en auga fria, xa que así aparte de aforrar en gasóleo ou electricidade, tamén se economiza a auga que se gasta mentras se agarda pola quente. Algo como se ve perfectamente factible naquelas terras do sur, que son as suas por via contractual, ainda que non tanto no norte durante o inverno. Agora no que o erro é máis evidente é no cálculo da cantidade, ao partir de considerar a ducha diaria como un costume inveterado da poboación. Xa relatamos noutra ocasión o comentario que facian unhas señoras dun seu parente, tan cotridiano nos hábitos hixiénicos que se bañaba todos os mércores, ainda que aforramos daquela o que lle escoitamos a unha profesional da medicina, xa que un paciente negábase a descalzar o pé que non tiña mancado, porque só lavara o que lle doia.

Mais a todo hai quen gaña: nun concello do norte de Holanda, convidan aos veciños a realizar as suas miccións mentras se duchan, co que o aforro de auga e os beneficios para o medio ambiente son patentes, e quizais non se tardará en voltar aos retretes de esterco tan correntes non hai tanto tempo. Servirian para aboar as terras, aparte de crear un novo servizo de evacuación e distribución, cos correspondentes postos de traballo. Mais nen disto, nen da posibilidade de realizar as necesidades sólidas na ducha, falaron os municipes holandeses, e tampouco o ministro español, que ademais non considerou a continxencia de alongar os periodos de frecuencia da ducha, fria, quente ou morna. Do que si se falou estes días foi da posibilidade de empregar a bosta como materia para a arte, sen que o cheiro sexa para o artista un atranco senón máis ben todo o contrario.

Calquera comprende non só as vantaxes do aforro, e as virtudes de axustar o nível do gasto aos ingresos; pero tamén os beneficios do exemplo, particularmente das administracións, naqueles asuntos que son realmente bastante máis importantes que o aforro na auga das duchas. Volveu saltar á actualidade o eterno asunto da Cidade da Cultura co gallo da sua parcial reconversión e reducción, pero esquecendo quen , e cando, tomou a decisión de emular a Keops, de construir dous portos exteriores próximos e tres aeroportos pegados, e outras varias iniciativas que compiten entre si co obxectivo non declarado, pero real, de inviabilizalas. O da auga, son apenas volallas.

Comentarios