martes. 26.01.2021 |
El tiempo
martes. 26.01.2021
El tiempo

Voces

O SEGUNDO PROGRAMA de Radio Nacional de España, que logo se convertiu en Radio Clásica, ten unha variada e ampla oferta musical dentro do ámbito que lle dá nome, en termos convencionais, porque é sabido que o termo máis axeitado sería, quizais, o de música culta, ainda que si o primeiro remite estrictamente a un período musical específico, do que son autores sobranceiros Haydn ou Mozart, co segundo correríase o risco de calificar de inculta a outra música, a moderna, con todas as suas variedades e figuras destacadas, que son multitude. Pois ben, a referida emisora emite desde hai tempo un programa que se chama ‘Ars canendi’, ou sexa ‘A arte de cantar’, sumamente interesante e instructivo, centrado na voz humana como instrumento musical.

E en relación coa música, tanto vocal como instrumental, está o ouvido, non só como cualidade, senón como órgano que capta os sonidos. Con frecuencia, os medios de comunicación alertan sobre os danos que neste sentido producen os níveis altos de ruido, e hoxe falar de contaminación acústica e de aillamento sonoro, son conceptos que regulan as leis. Os médicos alertan dos danos producidos polos excesos nesta materia.

Pero hai ainda un terceiro aspecto en relación co anteriormente falado: a emisión da voz, a fala, a dicción, a calidade da pronuncia, a vocalización. Todo o mundo é quen de reparar nos defectos inherentes a quen fala, se é o caso:nasalización, elisión de determinados fonemas, oclusión, etc. Mesmo hai figuras públicas que, infelizmente, non se ven acompañadas dunha voz minimamente presentable, véndose obrigadas a requerir os servizos de técnicos especializados. Non será preciso ilustrar o que decimos con exemplos concretos, posto que están na mente de todos. Podemos, iso si, recorrer á historia e traer a colación o caso que relata a sonada película ‘O discurso do Rei’, de recente estrea. Por mais que a voz ou a pronuncia, sexan cualidades cando menos coadxuvantes para as máis altas maxistraturas ou para os políticos, non o é tanto como antes. Nos tempos do parlamentarismo clásico decíase que, para ser deputado, chegaba con ser avogado e ter boa voz.

Pero cousa diferente é a voz dos comunicadores profesionais, dos que antes se chamaban locutores de radio ou televisión, dos bustos parlantes. A radio prescinde dos primeiros e a televisión ás veces debera facer o mesmo, pero para o que é a voz, o certo é que se perdeu toda medida: zarabetos, tatexos e narnexos cobran por torturar a fonética e castigar os ouvidos. Xa non digamos se no medio dos textos aparecen palabras ou nomes estranxeiros, porque a variedade de pronuncias constitúe un verdadeiro repertorio de sorpresas, cando non un dicionario do trampitán. Naturalmente estamos falando dos mínimos esixibles para os profesionais da voz.Da capo

Voces
Comentarios