Voando sobre a muralla

A MIL QUILÓMETROS de Galiza, leo nun xornal a nova de que un piloto desviou a súa ruta, previa petición de permiso, para lles amosar aos pasaxeiros desde o ceo a muralla de Lugo. O xesto non foi unha extravagancia (uso a palabra no seu máis estrito significado etimolóxico, xa que extravagar sería vagabundear fóra dos límites), senón un acto de xustiza poética. Como quizais saiban, debémoslle a expresión ‘xustiza poética’ a Thomas Ryder e refírese a ese final feliz que, a diferenza da vida, lles podemos dar aos contos e ás novelas. ‘A Cinsenta’, por exemplo, dificilmente deviría en princesa de non nos mover no terreo da ficción.

O piloto do voo IB0512,do que descoñezo o nome, orixe e outros datos que me poderían axudar a explicar o que fixo, desde o poder que lle daba ir ao mando dunha aeronave, comportouse como o príncipe do amentado conto, a buscar a rapaza dos zapatos de cristal.

De pedra milenaria son os da que quixo mostrar en todo o seu esplendor, desde miles de pés de altura, un afouto capitán sen exército nin outra guerra que a emprendida contra o descoñecemento e a ignorancia.

Porque é case delitivo que as axencias de viaxes, as mesmas que programan visitas, dentro e alén das nosas fronteiras, a monumentos de menor significación, pasen de largo por este patrimonio da humanidade.

Se a muralla tivese corazón, seguro que quedaría prendada do piloto. Como non o ten, deberemos ser nós, lugueses e luguesas, galegos e galegas, quen lle agradezamos o xesto. Un recoñecemento público, ademais de nos axudar a cumprir co oficio de ben nacidos, que é o de ser agradecidos, reforzaría o efecto propagandístico do desvío da ruta.

Nalgún comentario á noticia lin reproches para o home. Non podéndolle achacar imprudencia, xa que a mudanza da traxectoria estaba convenientemente rexistrada e polo tanto non existía perigo para a navegación, botábanlle en cara o desbaldimento de combustíbel. O máis simpático é que falaban de gasoil e, se non ando errada, non é precisamente este o que alimenta os motores dos avións.

Se todo se cuantificase previamente en termos económicos, o mundo sería aínda máis inhóspito. A imaxinación, a poesía, as saídas do círculo, son as maiores fornecedoras de ideas para emprender novos camiños e, á fin, redundan tamén na economía.

Eu estou certa de que os litros de queroseno que puidera costar a fazaña -se é que os custou- hanse recuperar, multiplicado o seu prezo millenta veces polos efectos de propaganda tan orixinal.

Benia, xa que logo, a ese home a quen non coñezo e do que ignoro toda filiación e, porén, ten xa o seu retrato na miña galería de grandes personaxes.

Comentarios