Vivir no rural, que bonito é

Din os que saben disto, os sociólogos, que nos últimos cincuenta anos o rural galego sofre un proceso de cambio que camiña na dirección equivocada. A Administración e as autoridades non atopan polo de agora solucións.

As consecuencias negativas son ben visibles. Entre elas, o abandono do rural: a inmensa maioría dos concellos perde poboación. Outra, o avellentamento da poboación e o que iso implica en atención médica, factura farmacéutica e creación de servizos para os anciáns. Outra máis, a caída de emprego. E aínda outra, a perda acelerada de patrimonio cultural tradicional e do patrimonio inmaterial. Con cada vello que se nos vai, arríncannos anacos da nosa cultura.

Ademais hai un claro desequilibrio territorial. Preocupadas andan as nosas autoridades e lograron preocuparnos a todos, por unir Galicia co centro peninsular con bandadas de AVEs, autovías e outras pirámides, pero a materia sempre pendente é a desvertebración do noso territorio.

O proceso de urbanización provoca que a poboación se concentre nas áreas urbanas costeiras. O chamado Eixe Atlántico, estreita franxa de Ferrol a Vigo-Tui concentra nun terzo do territorio galego ó 57% da poboación, mentres que as zonas do interior e interior deprimido, co 54% do territorio, apenas ten o 23% dunha poboación menguante. Pouco alta para que declaremos ós nenos e nenas que viven nese rural especie protexida en vías de extinción.

Máis madeira. Mentres en 1950 sete de cada dez galegos traballaban no agro e ocupaban o espazo rural, hoxe só o fai un de cada dez. Iso significa menos xente, menos vida, menos empregos, menos servizos. E perda acelerada de identidade, porque se algo nos define é unha maneira de ser, un xeito de falar e un modo de ocupar o territorio.

Por iso a chamada angustiosa e urxente das autoridades e dos veciños de Paradela, Portomarín, Triacastela, Samos, O Incio, Abadín e Baleira que loitan por manter os ciclos da ESO. Ben saben eles que detrás de cada escola pechada acabou pechando a aldea. Os habitantes destes concellos escoitan abraiados os cantos de sereas políticas que falan e prometen medidas-para-fixar-a-poboación-no-rural mentres en nome de non sei que racionalidade, optimización, redistribución, reasignación… etc., etc. de recursos, arríncanlles bocado a bocado os escasos servizos que lles quedan.

E pregúntanse pampos como é que a súa terra rende cada vez menos, mentres outros multiplican as súas ganancias co que eles producen. E por que o seu traballo, a cultura da terra que creou Galicia, vale cada vez menos. E por que a enerxía da súa auga, ese ouro branco, e do seu aire, ese ouro transparente, deixa só migallas neses concellos mentres engordan os petos insaciables dos buratos negros, tan lonxe da terra, onde habita a cobiza.

Un esforzado orientador de Preescolar na Casa preguntaba abraiado a un velliño que tornaba as vacas: Pero vostede, con tantos anos no lombo e aínda termando da facenda?

Mirou meu vello ó lonxe. E de alí a un cacho contestou: E que lle imos facer? Nin sei para que traballo. Aquí xa non quedan nenos. Xa non queda nada.

Comentarios