Vivir mellor ou vivir ben?

DAQUELA DE QUE se trata, de vivir mellor ou de vivir ben? Vivir mellor tal e como están as cousas, é tarefa imposible. A teimuda forza dos feitos mostra cada día que xa non é posible vivir mellor do que viviamos. Que, sen ningunha dúbida os fillos vivirán peor que os pais. En España, se cadra, peor que os avós. E unha certeza: para que uns poucos privilexiados vivan mellor, a inmensa maioría está xa a vivir moito peor.

Vivir mellor implica unha comparación: mellor que antes, mellor que outros, mellor aquí que no terceiro mundo. Moito traballo, moita preocupación, moitos esforzos para ser superior, para diferenciarse dos outros, cando despois de todo quizais só se trata de vivir ben. E para vivir ben non son necesarias dúas casas se vimos de familias que amañaron ben vivindo sempre na súa. Vivir ben implica que se o bisavó non puido nin imaxinar ter un coche, non podamos hoxe concibir a vida sen que teñamos na casa dous ou tres, aínda que non haxa necesidade de viaxar a ningures: caros á hora de comprar e prohibitivos para manter. Vivir ben non quere dicir que teñamos a casa asolagada de pantallas cando algúns de nós non coñecimos ningunha pero asistíamos cada moite ao ritual relixioso do avó reclamando silencio para escoitar ‘o parte’. Non se vive a carón das pantallas buscando nelas o que podemos atopar coa xente, cos amigos. As pantallas son imprescindibles na nosa vida, pero en mans idiotas transfórmanse en tecnoloxía para parvos.

Non é vivir mellor viaxar ata o fin do mundo para descubrir o que tiñamos á porta da casa. Tamén hai paraísos fóra das axencias de viaxe que están a carón de nós, que descoñecemos e cómpre descubrir.

Pouquiño a pouco decatámonos que para vivir mellor estamos obrigados a correr, a queimar o tempo, a ir ás présas pola vida. Para vivir ben hai que aprender a esperar e camiñar amodiño. As pílulas contra a sede eran para vivir mellor, pero o principiño de Saint-Exupéry aprendeu a vivir ben camiñando paseniño cara a unha fonte. Vivir mellor é caro, ecoloxicamente insostible. Aprender a vivir ben non é doado, pero vivir ben é máis barato e solidario.

Sen dúbida tratan de vivir mellor eses hipermillonarios que estes días asoman nos titulares. Oitenta deles acumulan o que dez millóns de persoas neste país, o máis desigual de Europa. O 1% máis rico controla a metade da riqueza do planeta, a casa común. Tentan vivir mellor acaparando os bens de todos, pero iso non abonda para apagar a súa sede da cobiza.

Son moi ricos en euros, en casas, en accións, tamén en medos, á espera do estoupido dunhas sociedades que tentaron imitalos para vivir mellor. Esqueceron que o decente, o respectuoso coa natureza, o solidario cos outros era simplemente tratar de vivir ben. Todos.

Comentarios