Viveiro inicia este mércores os actos conmemorativos do século das Irmandades da Fala

A homenaxe empeza cunha ofrenda floral e un pequeno concerto. O Concello tamén organizará una mostra, charlas e estreará unha obra teatral inédita
Carlos Nuevo e Lara Fernández, na presentación.
photo_camera Carlos Nuevo e Lara Fernández, na presentación.

A concelleira de cultura de Viveiro, Lara Fernández, e o cronista oficial da cidade, Carlos Nuevo Cal, presentaron a ofrenda floral que abrirá os actos das Irmandades da Fala este mércores 18, ás oito e media da tarde. Será diante do número 62 da rúa Pastor Díaz, onde se supón que naceron os irmáns Villar Ponte.

Lara Fernández explicou que Nuevo Cal será o comisario dos actos e fará unha reseña diante da casa. Logo a orquestra de gaitas de fol e percusión ‘O son do Sor’ de David Bellas dará un concerto diante da corporación.

O actos seguirán en setembro con charlas coloquio a cargo do cronista, o director do museo do Pobo Galego, Xusto Beramendi, a académica Pilar García Negro ou o profesor Emilio Xosé Ínsua. Ademais, a Real Academia Galega (RAG) organizará unha mesa redonda, coa que tamén colaborará o Concello.

Viveiro tamén contará cunha exposición, que poderá verse nos baixos da biblioteca a partir de outubro e durante todo o ano das Irmandades. Carlos Nuevo está a recabar material para esta mostra. Asemade os centros educativos disporán de unidades didácticas, con charlas incluidas, para traballar sobre as Irmandades da Fala e constatar que segue a loita pola lingua.

O Festival de Teatro Amateur que fará a concellería de cultura para a segunda semana de outubro incluirá a estrea dunha obra inédita de Antón polo grupo Crea. A concelleira espera contar coa presenza do presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, para o peche dos actos, que será o 18 de maio de 2017 coa inauguración do parque das Irmandades fronte ao Ecce Homo, que terá unha escultura.

Ademais, barállase que pase pola cidade a mostra itinerante da RAG e a posible reedición dunha obra dos irmáns Villar Ponte.

Comentarios