Viveiro encandila: a alta demanda das visitas guiadas en xullo obriga a limitalas a 50 persoas

É o primeiro verán que o Concello contrata de xeito formal a unha empresa para que leve a cabo estes percorridos
Participantes na visita, no cruceiro de Santa María
photo_camera Participantes na visita, no cruceiro de Santa María

O Concello de Viveiro deu un paso adiante na maneira de achegar a cidade aos turistas que se achegan a coñecela coa formalización das visitas guiadas polo centro histórico. A execución destas rutas, levada a cabo polos guías acreditados da empresa MariñActiva, tivo que poñer límite ao número de participantes por xornada debido á gran demanda que tiveron durante o mes de xullo. "Houbo algún día no que nos atopamos con máis de oitenta persoas, entón pensamos que estaría ben poñer en cincuenta o máximo de participantes; deste xeito o traballo é máis sinxelo para nós e os asistentes poden aproveitar a experiencia de xeito máis próximo" sinala Natalia Presa, unha das guías oficiais.

A gratuidade das visitas —sufragadas polo goberno local— é un dos motivos que invita a coñecer aos recén chegados un pouco máis de Viveiro. Outros anos existían servizos de guía turística puntuais e "sempre dependentes dos horarios e do altruísmo de persoas concretas" sinala a concelleira de turismo, Marisol Rey, "agora decidímonos a apostar máis forte e a acollida esta sendo un éxito".

Os guías profesionais tentan achegar aos turistas a realidade da cidade por medio de anécdotas e teñen moito éxito 



Parte dos parabéns seguramente deban ir repartidos por un lado ás pedras e rúas de Viveiro, cheas de historia e historias, e polo outro aos propios dinamizadores do evento. "Tentamos que non sexa solo unha clase de historia senón que introducimos lendas, retazos da cultura galega se o grupo é de fóra e anécdotas varias do pobo, que é co que a xente máis se queda" recalca Natalia Presa. Hai varios puntos clave para conseguir que a comunión cos visitantes sexa confortable. Boris Vilar, outro dos guías, sinala unha das brincadeiras escritas nas paredes de Viveiro: "Na Casa dos Leóns era unha residencia de nobres e bispos na que ao parecer se facían festas 'subiditas de tono', por iso os leóns se encontran rindo".

PROCEDENCIA. O 85 por cento dos participantes das visitadas guiadas son de fóra de Galicia, segundo admite Presa, "mais tamén se atopa xente incluso de Viveiro". De entre os lugares de procedencia destes veraneantes, os organizadores din que "veñen moitos de Murcia, de Castilla, de Madrid... e logo tamén tivemos algún de Francia, da India ou mesmo do Caribe". No que coinciden todos é en que se van satisfeitos das anécdotas e bo rato pasado "e algún ata pode que quede uns días máis" indica Natalia Presa.

As visitas gratuítas parten cada mércores pola tarde e sábado de mañás da oficina de turismo e duran entre unha e media e dúas horas



ITINERARIO. As visitas guiadas parten cada mércores e sábado dende a oficina de turismo de Viveiro ás seis e media da tarde e once e media da mañá, respectivamente. Tras pasar pola Pescadería e contar a historia deste barrio traballador e subir a costa da igrexa de San Francisco, os visitantes intérnanse na rúa máis angosta da cidade —o Calexón do Muro— e siguen subindo ata o Valado e a zona de Santa María e o mosteiro das Concepcionistas coa adoración á virxe de Lourdes. A Porta da Vila, unha das tres antigas entradas da muralla en pé, "é onde os feirantes deixaban as zocas para entrares á cidade de Viveiro, que era máis fina" comenta Vilar entre risos. Dende alí, a ruta baixa a rúa da Zapatería e discorre pola Rúa de Abaixo ata a Praza Maior para rematar no símbolo insigne de tódolos panfletos da cidade: a porta de Carlos V co San Roque baixo o seu arco.


Comentarios