miércoles. 27.10.2021 |
El tiempo
miércoles. 27.10.2021
El tiempo

Viveiro despide el Medievo e ingresa en la Edad Moderna

O REI CARLOS foi primeiro de España e quinto de Alemaña, apréndese na materia de sociales. Neto dos Reis Católicos; fillo de Filipe o Fermoso e Xoana a Tola, amais de inaugurar unha linaxe de queixada prominente e cabelo louro -eis os retratos dos grandes pintores da Idade Moderna- foi o primeiro en sentar as bases dun tempo de grandes fazañas e conquistas. O conto do primeiro dos Hasburgo en Viveiro ao mellor non é de picas en Flandes ou de travesías trepidantes por ultramar, pero foi tan proveitoso para os veciños da beira do Landro que esta fin de semana celebran o Mercado Renacentista, como mostra daqueles tempos de prosperidade.

Xa na Baixa Idade Media, o estuario do Landro acadara as dimensións dun centro comercial de tamaño mediano que funcionaba como saída ás exportacións do reino de Castela cara os países o Norte: en dirección aos Países Baixos saían o liño e os lenzos, mentres que Gran Bretaña era destinataria de pescados salgados, viño e laranxas que viaxaban no ventre de embarcacións viveiresas, naos e cocas de pouco calado e que ficaban en seco ao baixar a marea.

Carlos Nuevo, cronista oficial de Viveiro, que co gallo do Mercado Renacentista se pon na pel dun Carlos V que -«que quede claro»- nunca pisou a vila, relata que os caldos brancos e tintos «dos vales de Viveiro» chegaban ata o Báltico, «onde tiñan moita sona».

Tamén os conventos dominicos poñían camiño de Inglaterra laranxas amargas viveiresas coas que os relixiosos británicos elaboraban as populares marmeladas que aínda hoxe son santo e seña da repostería inglesa.

Os portos do Cantábrico eran a porta de Burdeos, de San Jean de Luz, da Europa central, insular e septentrional e Viveiro xogou a súa baza cos novos aires renacentistas que chegaron da man de Carlos I, un rei-emperador nado en Flandes, que reforzou os lazos comerciais entre a Península e Europa e abriu o roteiro americano.

Ese Viveiro marítimo serviría, asemade, como refuxio dos cidadáns británicos católicos que fuxían da furia anglicana dos Tudor logo de que Henrique VIII rachase coa Igrexa de Roma.

Viveiro era naquela altura una vila «labrego-marítima», con catro gremios mixtos, afianzados desde que na Baixa Idade Media a cidade pasou a ser de reguengo -de xurisdición real- e, sobre todo, grazas aos Reis Católicos.

Pese a que o seu neto, Carlos I de España e V de Alemaña, nunca camiñou polo entramado de callelas do casco histórico de Viveiro, foi unha decisión do monarca a que configurou a vila que chegou ata os nosos días.

«Viveiro ardeu en dúas ocasións ao principio da Idade Moderna; a derradeira vez, en 1540. Para facilitar a reconstrución do burgo, Carlos I acorda unha exención de tributos. Estes traballos son os que posibilitaron o paso do Viveiro de madeira ao de pedra que permanece», relata o cronista oficial.

A mellor mostra de todo isto -da decisión real e da rehabilitación da vila- pode contemplarse na historia pétrea da chamada porta de Carlos V ou porta do mar, erixida en gratitude ao rei. De estilo plateresco, é un dos poucos monumentos «de Galicia e España» feitos específicamente na honra do fillo da Tola.

«Están na porta o relevo do heroe no sentido grecolatino, que encarna a ‘virtus’, o emperador Carlos V, o escudo de Viveiro, o do reino de Galicia e o imperial; tamén hai figuras nas almeas, de Aníbal e Teodosio, e están ben presentes as armas das catro linaxes fundadoras de Viveiro»..

Consiga AQUÍ a información completa

Viveiro despide el Medievo e ingresa en la Edad Moderna
Comentarios