As vitorias do espellismo reformista

As presidenciais francesas saldáronse coa vitoria da alternancia representada polo social-liberal François Hollande fronte o neocon Sarkozy. Os comicios lexislativos en Grecia tiveron un resultado inédito mais non sorpresivo.

O certo é que o núcleo duro do eixo neoliberal foi claramente derrotado en ambos procesos electorais. As forzas políticas obedientes aos ditados da troika neoliberal (Comisión Europea, Banco Central Europeo e Fondo Monetario Neoliberal) foron moi castigadas, especialmente no caso grego. Nese senso ambos resultados poden constituír un síntoma positivo. Un sinal de incipiente reacción social fronte a ofensiva do capital e a súa política de saqueo contra as clases populares. Porén, nas eleccións desta fin de semana triunfou fundamentalmente o espellismo das falsas ilusións.

No caso francés a mercadotecnia e o alento mediatico presentaron a Hollande como unha clase de paladín da socialdemocracia. Máis un holograma artificioso. Obviando a retórica electoral, máis radicalizada que de costume, o Presidente electo da República Francesa non representa unha verdadeira alternativa ás políticas neoliberais impulsadas baixo o diunvirato Merkel-Sarkozy. A súa aparente oposición ás políticas de axuste non son na realidade un cuestionamento do dogma da austeridade. Hollande non se opón ao Pacto de Estabiidade, do que agroman os recortes antisociais pola obsesiva contención do déficit, só aspira a impor unha maior flexibilidade nos prazos fixados no mesmo. A esperanza Hollande non é ningún cambio de políticas, só de calendario.

En Grecia asistimos a un cambio do escenario político caracterizado pola substitución de novos actores, tanto na esquerda como na dereita. A esquerda reformista, aglutinada en Syriza, conseguiu desprazar ao sistémico Pasok, ocupando o segundo posto a moi pouca distancia da conservadora Nova Democracia, que protagonizou unha vitoria pirríca alentada polos 50 deputados que a constitución grega asigna automaticamente á forza máis votada. A entrada no parlamento dos neonazis de Aurora Dourada, e a saída da ultradereita tradicional que representaba Laos, sitúa en primeiro plano o risco da tentativa fascista como posíbel saída a crise. Saída sen dúbida funcional aos intereses do capital, como demostra a historia contemporánea. A imposibilidade manifesta para articular maiorías suficientes de goberno provocará, con toda seguridade, a repetición dos comicios.

Se en Francia o máis positivo das presidenciais foi o ascenso da esquerda alternativa ao PS na primeira volta, en Grecia foino o resultado das e dos comunistas. O KKE incrementou a súa porcentaxe de voto e o número de deputadas/os (26), consolidándose na liña ascendente que encentou hai varios anos. Faino ademais cun discurso coherente e firme, en chave revolucionaria, coa denuncia da imposibilidade de resolver a situación do país se non se inicia o proceso de construción dun novo sistema económico e social ao servizo do pobo, e propoñendo a saída do euro, da UE e da OTAN. En troques ao aumento espectacular de Syriza, que se asentou no trasvase de votos fundamentalmente do electorado do Pasok, o resultado do KKE pode ser un incipiente síntoma de maduración do masivo proceso de mobilización popular contra os recortes de dereitos sociais e laborais.

http://www.contradiscurso.net/

Comentarios