La viticultura, en gallego

Algúns dos alumnos do colexio que participan na recopilación de información sobre a viticultura (Foto: Toño Parga)
photo_camera Algúns dos alumnos do colexio que participan na recopilación de información sobre a viticultura (Foto: Toño Parga)

O pasado mes de setembro os alumnos do colexio Doutor López Suárez de Escairón comezaron a recoller termos relacionados co mundo da viticultura. Documentación relativa ás tarefas propias do sector, ós apeiros empregados, ós nomes dos lugares dos viñedos ou as labores que se levaban a cabo antes á man e que agora foron remplazadas pola maquinaria e pola tecnoloxía.

Para un municipio que vive de cara ó río Miño, en plena Ribeira Sacra, e no que a maioría dos habitantes teñen pequenas adegas ou viñas, semella que o proxecto ten trascendencia máis aló das aulas.

Por todo iso, unha das mestras do centro decidiu redactar unha memoria e presentar a proposta ós premios da Secretaría Xeral de Política Lingüística que cada ano se convocan e teñen como reto potenciar aquelas iniciativas orientadas a dinamizar o uso do galego nos diferentes ámbitos da vida e a que o idioma se enriqueza e non perda ningún termo.

A sorpresa da mestra e dos alumnos foi que fai uns días a secretaría xeral incluíu o proxecto do López Suárez entre os cinco gañadores do concurso, ó que se presentaron 75 traballos. Isto implica que o centro desfrutará de 2.500 euros que deberá invertir no desenrolo da actividade.

Segundo explicou o director, Pablo Blanco, con ese presuposto, ademais de ordear, completar e dar formato á información recollida, o colexio pode organizar actividades que teñan como fío de unión, a viticultura, a viticultura en galego, de xeito máis concreto.

As primeiras alternativas xa comezaron a debuxarse e dende o centro non descartan organizar excursións, conferencias e intercambios relacionados co mundo do viño á beira do Miño.

Pero tanto para a mestra encargada da memoria e da coordinación do proxecto, coma para o director e os propios estudantes, a iniciativa debe ir máis aló das aulas, por iso non descartan compartir o seu traballo con todas as entidades implicadas no mundo do viño na Ribeira Sacra. Se cadra ese diccionario de termos podería expoñerse dalgún xeito no centro do viño da Rúa do Comercio de Monforte ou se cadra o propio consello regulador podería ter en conta esa documentación e darlle algún uso.

A maiores, e tendo en conta a comunidade de fala inglesa tan importante que está asentada na Ribeira Sacra, Pablo Blanco xa pensou no bilingüismo e non descarta organizar uns encontros entre os alumnos e esta poboación para traducir ó inglés os termos recollidos.

Ata agora esta última parte e só unha idea, pero no caso de levarse a cabo podería dar moi bos resultados.

Pablo Blanco afirma que o proxecto ten a todo o mundo entusiasmado porque é unha conexión coas orixes.

Comentarios