''Las visitas a Meira aumentan gracias al turismo de interior''

Yoani Jartín, nun dos claustros do mosteiro de Meira. (Foto: C.A.)
photo_camera Yoani Jartín, nun dos claustros do mosteiro de Meira. (Foto: C.A.)

Yoani Jartín asesora a turistas e visitantes dende a oficina de turismo de Meira, ó mesmo tempo que trata de «dinamizar» a vida cultural e deportiva da vila cun programa de actividades que busca completar a oferta de feiras, festas e actos do concello.

leva ao fronte da oficina municipal de turismo de Meira dende 2003, cando abriu as súas portas, e é unha especialista da historia e do patrimonio meirego. Yoani Jartín guía a visitantes e turistas polo pasado e o presente da vila, mentras asesora ós propios veciños e axuda a promover diversas iniciativas para dinamizar a vida en Meira dende a súa pequena oficina, chea de trípticos e folletos informativos da localidade, da comarca chairega e de toda a provincia de Lugo, que reclaman, nun ir e vir constante, xente chegada de tódolos lugares.

Cantas visitas recibe a Oficina de Turismo de Meira ó longo do ano?

O ano pasado recibiu 11.944 visitas, unha cifra que se foi incrementando tódolos anos dende que a oficina abriu ó público -explica mentras bota unha ollada ás estatísticas que demostran que o número de visitantes de 2011 duplica ó de 2008-. En 2010 e 2011 establecéronse contactos con colexios, asociacións... e notouse moito. Pero este ano hai un descenso importante con anos anteriores. Cos recortes en Educación non hai saídas escolares e nótase moito. Hai un 20% de visitas de colexios, con respecto a anos anteriores.

Agora que comeza o bo tempo e se achega o verán, increméntanse as cifras? Cal é a época de máis visitantes?

As visitas de grupos fanse en abril e maio, pero os meses de máis afluencia de xente son os de verán: xuño, xullo e agosto e algo setembro, e son de particulares. En agosto recibimos unhas 2.000 persoas e en xullo depende máis do tempo.

A que se debe ese incremento en agosto. Inflúe a celebración das festas ou é pola época do ano?

Un pouco de todo, pero sobre todo pola época do ano. Cada vez máis xente quédase no interior durante o verán, é máis barato que na costa, e desprázanse a ver outros sitios. Ademais, estamos cerca da costa e se alí se atopan néboa van subindo cara o interior e veñen.

Maioría galegos?

A maioría son galegos, seguidos dos madrileños e de asturianos. O tráfico asturiano é constante durante todo o ano e no verán básicamente veñen de cidades da emigración que retornan eses meses: Madrid, Barcelona, Bilbao... e ultimamente hai moito incremento de xente de Valencia e tamén de andaluces.

E os estranxeiros, visitan Meira?

Son moitos menos, pero entre eles a maioría son franceses, seguidos de preto polos alemáns. Despois están Gran Bretaña e Portugal.

Que veñen buscando? O Pedregal de Irimia e o convento seguen a ser os principais reclamos?

Si para os que veñen buscando o que xa saben, sobre todo os estranxeiros. Os franceses traen unha cantidade de información sobre a igrexa tremenda. É xente que lle gusta o románico, as viaxes culturais... pero a maioría da xente vén de paso, de camiño a outro sitio, e non todo o mundo sabe o que hai. Notouse moito a sinalización da oficina, que agora veñen adrede a preguntar, non porque a encontran de casualidade. Pero a maioría da xente non sabe o que hai en Meira. Non saben que houbo un convento e o tema do Pedregal, Fonmiñá, a Serra de Meira... aínda non o teñen moi claro. E moitos veñen buscando zonas para facer sendeirismo.

Aínda hai dúbidas sobre o nacemento do Miño?

Depende da franxa de idade. Os máis novos saben que é o Pedregal, pero os que pasan dunha idade, dos corenta, seguen coa idea de Fonmiñá porque foi o que aprenderon na escola. É normal. Pero doulles información dos dous sitios, para que eles valoren.

Subliñaba o interese polo sendeirismo. Cantas rutas ten Meira?

A Ruta Miño-Eo, de 17,5 quilómetros; a Pedregal-Corno de Órrea, de 19, e un tramo de dez quilómetros do Camiño Norte Interior.

Pasan moitos peregrinos?

Depende do ano, pero non é un número moi alto. Pode haber arredor dos cen anuais, pero os que veñen a Meira non adoitan utilizar ese camiño, veñen pola nacional, a maioría en bicicleta.

Dende a oficina realizan diversas actividades culturais e deportivas, que se reforzaron este ano con novas iniciativas como as teatralizacións ou o concurso de tapas.

A idea é compaxinar actividades para rapaces, para xente maior, empresarios, público en xeral... ó longo de todo o ano para dinamizar a vida en Meira. No verán xa hai actividades e están as festas, e o que nos interesa é facer cousas cando non as hai, non solapar actividades para que a xente as poida compatibilizar. Trátase de activar culturalmente e deportivamente Meira durante todo o ano.

Como funcionaron as novidades. Repetiranse no tempo?

Funcionaron moi ben. No concurso de tapas participaron sete establecementos e foi un éxito e tivo unha participación tremenda. A idea é facelo dunha maneira anual, aínda que tamén se falou, sen concretar, de facer unhas xornadas ou degustacións. Nas teatralizacións participaron 300 persoas e tamén foron un éxito pero queremos establecer un período de descanso para non repetir o mesmo tódolos anos.

Promoven rutas de sendeirismo. É unha actividade que funciona?

Facemos unha por mes en inverno, sempre en domingo sen feira, e dúas ó mes a partir de febreiro. Participan unhas 20, 25 persoas, dependendo da data e o destino, pero xa hai un grupiño formado, e vaise sumando xente nova.

Tamén sumaron o certame de poesía. Proxectan máis actividades?

Estivemos mirando opcións, pero o problema é o tema económico. A idea é subvencionar os actos para que non vaian ó peto do público e non repercutan nos participantes e eso estásenos complicando. Pero temos as rutas ata finais de xullo, logo xa son as celebracións de Corpus e no verán xa hai as festas.

Como se valora a oficina?

A día de hoxe vese máis útil. Pensaban que só valía para axudar á xente de fóra, pero saben que dende aquí tamén se fan moitas actividades. E hai moita colaboración cos veciños. Non é unha axencia de viaxes, pero serve de nexo coa xente.

DE PRETO
''Vivín a malla dende nena na casa, é algo moi sentimental''

Filla dun dos fundadores da Malla de Meira. Que significa esta festa?

Vivín a malla dende nena, dende que era unha festiña pequena, con catro cenando e o resto traballando e todos de po ata arriba, que o único que tiñamos branco eran os dentes e os ollos. Para min ten moito sentido. Teño familia que foi ás segas a Castilla. Meu pai e meu avó eran cazadores e a festa da malla saíu como a desculpa de que se facía co trigo cando xa estaba maduro. Para min, é algo máis sentimental que o reclamo da Festa de Interese Turístico. É cousa da casa e a gracia era estar como mineiros de arriba a abaixo, cheos de po.

O lugar de Meira que sempre recomenda?

O Pedregal. A min encántame ir, escoitar a auga, a natureza, moi poucos coches... É un lugar para desconectar. Despois, a igrexa. E eu, que teño a sorte de ter as chaves para poder entrar, paréceme algo grandioso.

Unha afección para o tempo libre?

O sendeirismo.

Unha ruta?

A Miño-Eo, que ten unha fervenza no medio moi agradable.

Cantos idiomas fala?

Galego, castelán, inglés, francés e fixen tres anos de lingua de signos, pero está algo olvidada.

Comentarios