''‘Vilamor’ ten moito de guerrilla''

«A de ‘Vilamor’ é unha historia que, se non se contase, sería como se unha nai nunca lle relatase un conto a un fillo». Fala así Mayca Braña, actriz coñecida como a Sara de ‘Libro de familia’, que está a aprender o galego da Montaña de Lugo para facer a nova película de Ignacio Vilar, ‘Vilamor’, inspirada na comuna de Foxo, que foi presentada onte polo seu equipo artístico no Museo Provincial de Lugo.

Ata o edificio da Praza da Soidade achegáronse rostros coñecidos da escena galega capitaneados polo realizador. Estivo o valadourense Manuel Lourenzo, que co de ‘Vilamor’ fará «o sétimo crego» da súa carreira. E César Cambeiro, que será un tendeiro, marido de Mayca Braña e pai do protagonista; o papel principal é para Rubén Riós, un seminarista (Breixo) ao que lle mudan as coordenadas da man dos comuneiros. Todos estiveron onte en Lugo, como Manuel Cortés, que fará de cabo da Guardia Civil —«dos anos setenta»—; ou Sabela Arán, que dará vida á afoutada comuneira Sonia. E a nena Sheila Carbia, na pel da irmá máis nova de Breixo, «e cun papel moi importante na historia».

Xunto a eles, debutarán na gran pantalla Juan Francisco Núñez e Carmen Torneiro, seleccionados no cásting da Fonsagrada e que interpretarán ao secretario do Concello e á panadeira. En definitiva, «as forzas vivas de Seoane», aseverou o director, que lle puxo este nome, Seoane, ao trasunto que fai de Negueira para a ficción.

Conta Manuel Lourenzo que o seu papel nada terá que ver coa pegada dos curas comprometidos da Montaña de Lugo. «Este é un exfalanxista que loitou contra os roxos», apunta o actor e dramaturgo e conta unha anécdota dunha rodaxe súa anterior en Negueira de Muñiz, tamén con cregos e axentes da Benemérita. «Unha señora hippie da comuna estaba
asustada; dicía: ‘Que pasa aquí, que acabo de ver uns picoletos e un crego vén de darme a bendición pola ventá!».

Xa rematada a rodaxe de inverno coa neve dos Ancares como agoirada convidada, a nova xeira de filmación estenderase durante seis semanas na Fonsagrada e en Negueira de Muñiz a partir do primeiro de xuño. Hai corenta localizacións elixidas e participarán 25 actores en ‘Vilamor’, conta Vilar.

Esta primeira experiencia tivo a dificultade da rodaxe a 1.600 metros de altitude, nos que o equipo se moveu «con todoterreos e ata bestas», e na que grazas á axuda de xente «fundamental» como o garda forestal Manolo, se conseguiron imaxes «espectaculares».

A película está contada como un ‘flashback’ que ocupará boa parte da metraxe e ambientada no que foron as comunas da Montaña de Lugo entre 1976 e 1982, «cando houbo unha xente que creu na utopía e noutro xeito de facer as cousas, cun sentido da xustiza».

«Soñabamos cun mundo mellor, decidimos facelo realidade» é o lema de ‘Vilamor’, unha película na que se respectarán as variedades dialectais do galego dos personaxes e na que os habitantes de Seoane falarán cos modismos das Terras de Burón grazas á axuda dunha lingüista.

Ignacio Vilar sostén que o cine non se reduce só a «vender historias », senón tamén «paisaxes, comidas e un xeito de entender o mundo; non mellor ou peorca outro, diferente». Así, un dos obxectivos da película é divulgar a riqueza paisaxística dos Ancares e poder empregar as tecnoloxías da información para que os espectadores de ‘Vilamor’ no cine poidan tamén facer rutas polos espazos naturais nos que está filmada.

«Estaremos en todas as redes sociais e haberá aplicacións a partir do teléfono móbil, tamén». A web, www.vilamor.eu, estará completamente operativa logo da Semana Santa.

Despois da experiencia de promoción de ‘Pradolongo’ vila a vila, Ignacio Vilar asume que tamén con ‘Vilamor’ están instalados na «estratexia de guerrilla». «Nós controlamos o noso territorio e a ver como nos movemos de aquí», engade para sinalar despois que, precisamente ‘Pradolongo’, a fita galega máis vista, que acadou o premio Donostia en San Sebastián e que pasou por Fráncfort (Alemaña) e Utah (Estados Unidos) non puido ser estreada en Madrid.

Vilar arremete contra a política audiovisual do Goberno central e enfatiza que máis que axudas institucionais, o que fai falla é chegar aos cines comerciais, «onde os norteamericanos teñen todo monopolizado».

‘Vilamor’ conta cun orzamento de millón e medio de euros e cunha achega de 120.000 euros da área de Cultura da Deputación de Lugo.

O vicepresidente primeiro desta institución, Antón Bao, que fixo onte de anfitrión do equipo de Vilamor no Museo Provincial, destacou que a fita conta unha parte da historia de Lugo, como os habitantes da Montaña se convirten en protagonistas e, en definitiva, que a película contribúe á «prosperidade futura» da zona.

A MÚSICA. Reunión na igrexa do Hospital do Incio

  • Ignacio Vilar volve confiar en Zeltia Montes para a banda sonora, na que entran en contacto a música galega medieval e a sinfónica contemporánea. «Será a primeira vez que teña rematada a música antes da rodaxe dunha película», di. O director conta con facer unha reunión na igrexa románica do Hospital do Incio para rexistrar a música da súa película, na que tamén estará presente Paulo Barreiro, o compositor da partitura de ‘Sempre Xonxa’.

Comentarios