Vilalba, festas para todos os públicos

O Concello e a comisión das patronais de San Ramón e Santa María, que serán do 24 ao 4, renovan o libro da cita, que conta con 27 colaboradores, entre eles Agustín Fernández Paz
Presentación das festas de Vilalba
photo_camera Presentación das festas de Vilalba

"Este é o pregón das festas", aseguraba o alcalde de Vilalba, Gerardo Criado, sobre o escrito de Agustín Fernández Paz que abre o tradicional e renovado libro das festas de San Ramón e Santa María, presentado onte na casa de cultura da capital chairega xunto coa programación dunhas patronais que se estenderán dende o 24 deste mes ata o 4 de setembro, cun variado programa de actos que quere chegar a todos os públicos.

"Invitámolo varias veces e, por unhas razóns ou por outras, nunca puido ser o pregoeiro, pero el o pregón xa o tiña escrito", asegurou o rexedor, quen ata leu un fragmento do texto remitido polo escritor vilalbés pouco antes do seu falecemento. A súa colaboración, na que lembra a súa infancia vilalbesa, é a primeira das 27 asinadas por personalidades como Darío Villanueva, Ramón Villares ou Roberto Trashorras, que complementan o libro do San Ramón, unha publicación da que se tiraron 1.600 exemplares (boa parte deles xa están á venda por dez euros nas librerías vilalbesas) e que supón unha das principais fontes de ingresos da comisión de festas.

A comisión sortea dous premios de mil euros e outro de 2.500, todos para gastar no comercio vilalbés 

Os integrantes da mesma, José Rouco y Carlos Vázquez, agradeceron a todos os colaboradores a súa implicación «porque sen eles sería imposible» e lembraron que aínda que nas páxinas do libro aparecen boa parte deles, aínda que non todos os que axudan a facer posibles os festexos.

Outro recurso que destacan é a venda de rifas para os sorteos de tres premios por un importe total de 4.500 euros, a gastar en calquera negocio de Vilalba. Haberá dúas recompensas de mil euros e outra de 2.500 euros, que se sorterarán os días 4, 5 e 6 de setembro, respectivamente e irán parar aos boletos cuxo número coincida coas catro últimas cifras do sorteo da Once dese días.

PROGRAMA. As festas inaugúranse o día 24, coa Xira da Terceira Idade, unha cita que o Concello quixo impulsar este ano, polo que convidou a todas as asociacións a sumarse a esta comida popular, facilitando ademais o transporte ese día con buses gratuitos.

Aínda que a celebración da área recreativa da Magdalena sexa o punto de partida oficial, previamente haberá varios actos, tal e como puntualizou o edil de cultura, José Antonio Pita. Así, o día 20 haberá un concerto e o día 22, ás 20.00 horas na casa da cultura, daranse a coñecer o premiados do Certame Literario e presentaranse os libros do poemarios recoñecidos en 2015. Ademais, como novidade, este ano aproveitarase este acto para presentar as raíñas e as damas das festas.

O día 23 haberá teatro para o público infantil e familiar no auditorio e o 25 e o 26 son os días dirixidos aos nenos. As festas infantís serán na Praza da Constitución, de 12.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas.

Unha discoteca móbil abrirá na noite do venres 26 os actos da Xira, que se celebrará o 27 e o 28 na Magdalena, animada por Iris e Midas, o sábado, e por Catedral, o domingo.

Todos os grupos de Vilalba participarán nas festas, nas que desfilarán,os días 31, 1 e 4, os cabezudos restaurados no IES Basanta Silva

A Festa da Bicicleta, que organiza a Casa da Xuventude dende hai máis de dúas décadas, será como é costume o 29, mentres que a xornada do 30 está reservada para outro clásico, a imposición de bandas ás raíñas e ás damas, o pregón, a cargo de Alejandro Criado, e a entrega de premios do XLII Certame Literario de Vilalba. Todo, a partir das 19.30 horas.

O 31, día de San Ramón, as festas estarán amenizadas por Alianza e Combo Dominicano e o 1, día de Santa María, por Venezia e Panorama. O día 2 celebrarase o festival de bandas de música Pepe Guntín e tocarán Costa Oeste e Los Satélites. O día3, Trova e Gran Parada amenizarán unha xornada na que tamén haberá un festival de rondallas e as festas pecharanse o 4, día dedicado á parroquia de Insua, coa orquestra Essencia.

Todos os grupos de Vilalba participarán nas celebracións de San Ramón e Santa María, en cuxas procesións dos días 31, 1 e 4 desfilarán os cabezudos restaurados este ano no IES Basanta Silva.

Comentarios