Vilalba Aberta solicita nomear unha rúa na honra de Agustín Fernández Paz

A asamblea cidadá cre que é merecedor deste recoñecemento pola "importantísima" obra literaria, o seu traballo no eido pedagóxico e "o seu demostrado amor por Vilalba"
Agustín Fernández Paz
photo_camera Agustín Fernández Paz

Vilalba Aberta solicita honrar a figura de Agustín Fernández Paz, que faleceu o pasado día 12, dándolle o seu nome a unha rúa vilalbesa.

"Pensamos que o máis acaído, e que sería moi do gusto de Agustín, é facelo coincidir coa retirada do rueiro vilalbés dos apelidos dun dos militares que se ergueron en 1936 contra a legalidade da II República", din, en referencia a Nevado Bouza.

A asamblea cidadá considera que é unha boa ocasión para trocar o nome desa rúa e, en cumprimento da Lei de Memoria Histórica, retirarlle o recoñecemento público "a unha persoa cuxa conduta foi un exemplo de todo o contrario da democracia que queremos honrar e afortalar e, de paso, lembrar para sempre a un vilalbés que foi, antes que nada, un exemplo de dignidade", argumentan desde Vilalba Aberta.

Ademais, xustifican a súa petición afirmando que "Agustín é, sen dúbida, merecedor de que unha rúa da nosa vila leve o seu nome pola súa importantísima obra literaria, polo seu traballo renovador no eido pedagóxico, pola súa loita a prol do galego e polo seu demostrado amor a Vilalba".

O movemento asambleario engade que este recoñecemento tamén é necesario porque Fernández Paz foi "un referente humano e cívico para milleiros de persoas, desde a súa postura rexa, baril, que exerceu a dignidade sempre, como cando en 2010 rexeitou o premio da Cultura Galega que lle outorgou a Xunta de Galicia, pola súa total disconformidade coa súa política lingüística".

Comentarios