Vilalba Aberta presenta un plan de urbanismo participativo

A formación asamblearia defenderá a implantación de sistemas de participación cidadá efectiva, co fin de coñecer as necesidades dos distintos barrios e parroquias da capital chairega

Vilalba Aberta presentará, ao conxunto dos grupos e ao goberno municipal, un plan de transición cara un modelo de urbanismo participativo. Faráo no pleno que se celebrará este luns, día 30, e no que tamén pedirá a reprobación do alcalde pola súa política de sulfatado.

Segundo argumenta o voceiro da asamblea cidadá, Modesto Renda, "a determinación das necesidades e obxectivos das novas políticas urbanísticas non deben quedar exclusivamente en mans da administración e dos equipos técnicos, senón que se debe dar voz e poder de decisión sobre a súa contarna a quen mellor coñece os seus problema", e isto é, segundo Renda, "o conxunto dos veciños e as veciñas".

Neste sentido se pronunciará no pleno a fin da implantación dun sistema de participación cidadá efectiva, tanto presencial como telemática, co fin de coñecer as necesidades dos distintos barrios e parroquias e cuxas conclusións constitúan os obxectivos a resolver mediante obras, actuacións ou plan urbanísticos que se realicen.

Ademais, Vilalba Aberta pretende que todas as obras cun orzamento superior aos 100.000 euros estén sometidas a información pública, dando publicidade na páxina web municipal e informando de forma directa das súas características as empresas concursantes ou aos veciños directamente afectados.

A asamblea propón tamén a creación dun consello local de urbanismo para formular e expoñer criterios e alternativas de ordenación a curto, medio e longo prazo, principalmente en relación á elaboración e seguimento de plans xerais, parciais e especiais.

Comentarios