Vidas á marxe

NO COLECTOR do lixo atopas un señor delgado, moreno, con camiseta, un carrito e un gancho en procura dos restos que outros deixaron. A busca faina como algo cotiá, sen amosar vergoña. 
No cruce de Pintor Corredoira con República Arxentina unha muller doutra nacionalidade seduce como pode ós automobilistas para que deixen unhas moedas.

Na Praza da Constitución a escultura de Pelúdez é a convidada de pedra a centos de conversas de persoas que se alimentan con cartóns de Don Simón e ilusións rachadas. Son vidas á marxe ou roubadas de xente para quen un bocadillo é motivo de festa. Son o último elo dunha crise que deixa polo medio preferentistas estafados, desafiuzados, suicidas e unha sociedade máis pobre e inxusta.

A riqueza corre cara ós países asiáticos nun cambio de ciclo onde moi poucas cousas serán como antes. A Europa do sur semella ser a moeda de cambio para que as potencias do Vello Continente salven a súa calidade de vida.

As bágoas de Mangouras no xuízo do Prestige son a metáfora da dor de moitos seres humanos que nunca oíran falar da prima de risco. Aquilo da sociedade do ocio xa pasou a mellor vida e descansa no mesmo cemiterio onde está a fábula do índice de felicidade das persoas.

Mentres o señor moreno, alto, de camiseta, co carrito e o gancho recolle no lixo os ‘atramuces’, como no ‘Libro del buen amor’, que deixou o que vai diante. Ogallá encontre unha coroa de ouro da Virxe da Esperanza.

Comentarios