Vidal: ''Traballaremos con Elba Veleiro para que sexa alcaldesa''

Móstrase conciliador e quítalle ferro á recente polémica sobre a división interna do PSOE de Vilalba trala presentación de dúas candidaturas a ocupar a executiva local do partido. Eduardo Vidal cre que por ese feito non ten por qué haber crispación entre os socialistas vilalbeses. De feito, segue apostando pola actual portavoz do partido, Elba Veleiro, para encabezar as listas nas vindeiras municipais.

Que valoración fai dos resultados obtidos na asamblea de hai uns días?
De entrada, valoro que se refrende o cambio que se iniciou nas municipais co  nombramento de Elba como candidata. É un cambio de renovación dentro do partido ó cal non hai que ter medo. A militancia de Vilalba apostou por min e eu estou agradecido e afronto a responsabilidade que isto implica.

Xa empezou a exercer como secretario xeral en Vilalba?
A primeira reunión da nova executiva terémola a semana que vén. A ela vai estar invitada, aínda que non falei todavía con ela, a portavoz e concelleira municipal, Elba Veleiro. De feito estará en tódalas reunións que faremos. Empezaremos a marcar as liñas de traballo
orgánico do PSOE vilalbés e, aínda que ten que haber un proceso de aclimatación para que cada un vaia controlando as súas funcións, imos empezar a traballar xa para abarcar a toda a sociedade.

Cal é o principal obxectivo da nova executiva?
A partir do luns a ver cómo nos organizamos. As miñas previsións é contar co grupo municipal e a militancia para traballar de cara á sociedade vilalbesa e a militancia socialista.

Que aspiracións ten como secretario xeral?
O obxectivo principal para min é organizar o traballo. O novo secretario xeral non pretende acaparar protagonismo nin será o que faga tódalas accións de partido en Vilalba. Todo estará repartido entre a executiva, o grupo municipal e a militancia.

A súa función será entón a de coordinador...
Si, farei de coordinador de estratexias e de traballo encamiñado a dar todo o apoio ao grupo municipal socialista, que acadou uns bos resultados nas últimas municipais con Elba de candidata e esperemos que os volvamos a ter con ela ao fronte de novo nas próximas
eleccións.

A presentación da súa candidatura á executiva non foi con visos de concurrir tamén ás municipais?
Para nada. O traballo de Elba está recoñecido por todo o partido e tamén polo pobo, cos resultados nas últimas municipais e espero que se vexa refrendado nas próximas e saia elexida alcaldesa. Eu podo dar a miña experiencia que teño no ámbito da Xunta, xa que teño
unha bagaxe en canto a organización para poñelo todo en valor para que Elba Veleiro sexa a próxima alcaldesa de Vilalba.

Na súa candidatura hai tres dos actuais concelleiros socialistas e os outros tres ían na outra. É tan evidente a división interna do partido como parece?
Nin moito menos. O partido non ten por qué dividirse por isto. Cada un ten as súas preferencias á hora de escoller os seus compañeiros de viaxe. Eu cría nunhas persoas para acompañarme nesta viaxe como secretario xeral e Elba noutros, e a asamblea decidiu
apostar pola candidatura de Eduardo Vidal entre dúas opcións, enriquecedoras calquera delas. Entendo que ten que haber unha certa decepción por parte da que non gañou nas eleccións, porque a min pasaríame, e que a xente e os medios falen disto, pero dentro
de dez ou 15 días, unha vez que todos nos asentemos, non se vai falar máis deste tema e de se hai división interna ou non. Eu estou seguro de que vai haber un bo entendemento entre todos.

Comentarios