Vida en imágenes de un hombre bueno y solidario

Albert Camus. nunha imaxe característica do personaxe que se reproduce a dobre plana no libro. HENRI CARTIER-BRESSON / MAGNUM / PLATAFORMA EDITORIAL
photo_camera Albert Camus. nunha imaxe característica do personaxe que se reproduce a dobre plana no libro. HENRI CARTIER-BRESSON / MAGNUM / PLATAFORMA EDITORIAL

«COÑECÍN o mellor home de Francia». Así cualificou Hannah Arendt a Albert Camus nunha carta ao seu marido desde París. Cóntao Tony Judt. O escritor nacera en Arxelia o 13 de novembro de 1913. Arrinca o centenario. Ademais, un día de xaneiro como hoxe, en 1960, morreu en accidente de coche, con 47 anos.

FOTOBIOGRAFÍA

Sobre ese home bo, solidario e solitario, a súa filla Catherine fixo unha preciosa, entretida e completa fotobiografía. Editouna en España Plataforma Editorial (2012), ‘Albert Camus, solitario y solidario’. Son as imaxes da vida do escritor, coas claves do seu pensamento. Nese album está a súa filosofía vital reflectida en fotos que revelan a liberdade do home, o seu amor á vida, a procura da luz e da felicidade. Tamén a soidade. Esta edición reproduce en formato e calidade a edición francesa de Michel Lafon (2009). Apareceu un ano despois da publicación do derradeiro volume da ‘Obra completa’ de Camus, que fixou Jacqueline Levi-Valnesi para a Pleiade.

Un día así, no cabodano da súa morte e no inicio da celebración do centenario, é ocasión para volver sobre aquel home bo e solitario, da man da súa filla Catherine. Podería ser un percorrido por un álbum familiar e ocasión para reparar no núcleo dos seus posicionamentos vitais. O percorrido do libro consegue vencellar a vida e a obra do escritor co mesmo material gráfico que reproduce. Os textos, curtos e escollidos con atino, que acompañan as imaxes, como a documentación das fotos, convidan a cavilar.

SILENCIADO

O escritor, periodista, pensador/moralista e premio Nobel con 44 anos foi silenciado mesmo por algúns que foran os seus amigos. Exercía de home libre: o nazismo e o comunismo son duas caras do totalitarismo. Facíao incómodo a súa posición sobre os colaboracionistas, sobre a URSS, a presencia francesa e a descolonización de Arxelia.... Para sementar interrogantes, poidese ser, tal como sostén a tese e o título da novela de Berta Vía Mahou, que ‘Venían a buscarlo a él’ cando o seu coche chocou cunha árbore aquel 4 de xaneiro de 1960. A sinceridade e a honestidade moral e intelectual de Camus frente a silencios políticos e deshonestas complicidades intelectuais fan ata críble esa ficción. Ademáis, a Francia daquel momento tiña demasiadas vergonzas que tapar sobre a Arxelia na que nacera o escritor. Tantas vergonzas por exceso que aínda agora, cando o presidente François Hollande viaxa a Arxel, recoñece erros, pero non se atreve a pedir perdón.

Camus tiña moitos inimigos que buscaron neutralizalo como referente de compromiso. Tamén un Nobel tan cedo, aos 44 anos, anima as envexas. Pretenderon descalificalo ata como escritor.

Corenta anos depois da súa morte, Gallimard publicaba ‘O primeiro home’, o manuscrito que viaxaba naquel coche do accidente. Convirteuse nun acontecemento, nun éxito editorial . Serviu para volver sobre Camus, máis alá das obligadas lecturas de ‘O estranxeiro’ ou ‘A peste’ por estudantes.

É certo que Camus non foi un filósofo. Algúns dos seus ensaios deron ocasión para que os seus detractores escribisen críticas destrutoras. Camus, aínda que se graduou en Filosofía e Letras en Arxel, ainda que lle chamaba Kirk ao seu can en homenaxe a Kierkegaard e aínda que sempre mantiña cerca del unha foto de Nietzsche, nunca debeu ser encadrado nun manual de filósofos existencialistas. Non hai unha formulación ou estrutura de pensamento. Cousa diferente é que na súa obra narrativa e ensaística -‘O estranxeiro’, ‘O mito de Sísifo’ e ‘Calígula’ , digamos tres referencias- estea o absurdo ou a gran pregunta sobre o mal. Pero unha frase, un argumento narrativo ou teatral, mesmo unha aproximación ensaística, non converte o escritor no creador dun sistema filosófico.

PERIODISTA

Moito antes que esa visión filosófica estarían a do teatro e, polo que a min me interesa, a que fai Jean Daniel do Camus xornalista (‘Avec Camus’. Gallimard 2006). Deixemos a un lado que Jacqueline Lévi-Valnesi non comparta que o escritor lle dese prioridade ao periodismo como forma de expresión. Pero neste album biográfico de Camus están as cabeceiras de Alger Républicain, Paris-Soir, Combat claro, L’Éxpress. Son parte da súa vida e obra. Escribía para os xornais e mesmo compuña: hoxe diríase que maquetaba. Están as fotos cos redactores e traballadores dos xornais. Xente deste oficio que o vía como «un home de imprenta», que gozaba nos talleres. Hai unha simpatía que os tipógrafos de Paris-Soir mostran cando transmiten os seus desexos de felicidade a un novo matrimonio de Camus, que chegaba tras un primeiro fracaso. Foi «home fiel» a varias mulleres. No libro está a foto de María Casares.

Viviu esta profesión xa que, como conta Jean Daniel do Camus de Combat, compartía cos compañeiros do periódico a vertixe da alborada, a agradable amargura proporcionada pola conciencia do efémero, o descubrimento da vaidade, os interrogantes sobre o que sucede e o que se conta. «Cara as tres da mañá atópase nas rúas de todo o mundo o periodista errante que pasa do agotamento ao baleiro, do desencanto ao desenfreo».

Libro Albert CamusAlbert Camus Solitario y solidario Plataforma Editorial 206 páxinas.

Comentarios