Victoria e evasión

A SOCIOLOXÍA e outras ciencias conexas, teñen estudado e explicado o fenómeno que adscrebe á xente tanto ao deporte, na sua versión de espectáculo, como aos seus protagonistas, que se converten frecuentemente en figuras de culto e de admiración, ás veces desmedida posto que evoluen de estrelas a herois e, de aí, mesmo a mitos. O certo é que se trata dunha especie de retroalimentación no sentido de que a xente, tanto individual como colectivamente, precisa deses momentos de éxito e de orgullo colectivo compensatorio. Pero as respectivas figuras tamén se lucran, ainda que dun xeito bastante menos altruista e desinteresado, xa que para eles o olor de multitude soe traducirse en abultados beneficios derivados da publicidade de marcas de todo tipo.

Estes mesmos días, no medio do remuiño dun deses acontecimentos, un sindicato da policía dou conta dun asunto tan importante como é o das obrigas fiscais de determinados deuses do Olimpo deportivo, cuxo domicilio como contribuintes está fóra do territorio patrio, ese mesmo ao  que acenden e entusiasman, tanto ao público como ás veces aos representantes da ciudadanía. E chama por conseguinte a atención de que ben está que se envolvan na bandeira e  nas exaltacións patrióticas, pero o certo é que non é moi compatible co seu verdadeiro credo, ou sexa, amiguiños si, pero a vaquiña polo que vale.

Hai máis dun ano, o asunto debateuse nunha comisión do Congreso dos Deputados, pero a iniciativa cuxa pretensión era solucionar o problema non prosperou, por razóns máis ben de técnica  xurídica, ou sexa que contra a proposición non de lei de impedir que os deportistas con residencia en paraisos fiscais poideran representar a España, invocouse o principio 'Nullum crimen, nulla poena praevia lege', ou sexa non hai delito se non existe unha lei previa. Quizais por iso o anterior goberno británico dispuxo que nengún membro das cámaras do Parlamento podería selo sen cotizar no propio país. E así foi que o sonado arquitecto Lord Norman Foster deixou de pertecer á cámara alta.

Xa que logo, o que está bastante claro é que haberá que lexislar. Os deportistas de élite constitúen un modelo a imitar, no que moitas xentes se recoñecen. As propias institucións outórganlles un recoñecimento que contribúe ainda máis a reforzar unha identificación co conxunto da sociedade. Non parece que sexa plausible, nun momento de crise e recortes salariais para a maioría, elevar aos altares aos defraudadores, aos evasores  fiscais, por moitos que sexan os pregos da bandeira na que se acobillan. E tampouco parece de recibo que se lles preste a máis mínima homenaxe por parte das institucións e dos seus representantes, xa que se estaría exaltando aos trampulleiros, por moito que manexen volantes, tanto ten de motos como de coches.

Comentarios