Víctor Fernández: "La primera trainera de pesca que llegó a Galicia vino para Viveiro"

Fernández falará na cidade do Landro do patrimonio mariñeiro na comarca, que na súa opinión "un pouco abandonado". Por iso anima a todo tipo de entidades a implicarse na súa posta en valor mediante actividades culturais ou deportivas
Víctor Fernández González, Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial
photo_camera Víctor Fernández González, Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial

O colectivo Pensamento e Sementeira inaugura este sábado, ás sete da tarde na sala multiusos do concello, as Xornadas do Patrimonio Marítimo e Fluvial, nas que Víctor Fernández González, directivo da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, falará da súa situación na Mariña.

Cal é o obxectivo desta charla?

Trátase de que a xente tome conciencia do patrimonio marítimo, tanto as administracións como o público en xeral. Cando falas dun hórreo ou un cruceiro todo o mundo ten conciencia de que iso é un elemento da cultura galega, pero cando falamos dunha carpintería de ribeira, dunha embarcación tradicional, da canción mariñeira... non hai esa percepción.

Por iso loitan na Federación?

Vimos loitando coas administracións para que haxa un recoñecemento da cultura marítima. Os galegos levamos séculos tendo relación co mar, temos unha cultura e pretendemos que se valore, pero primeiro hai que recoñecela.

Ven que está pouco recoñecida na Mariña?

No norte é onde está todo un pouco máis abandonado. Na Federación somos 46 asociacións, a maioría das Rías Baixas, onde hai un momento moi forte de recuperación das embarcacións tradicionais, pois a partir delas pódese recuperar non só o ben material, a embarcación, senón o inmaterial, a forma de navegar, a nomenclatura, as historias... No norte iso está pendente e por iso a importancia desta charla, para que se tome conciencia do que nos queda e que non se perda.

A única entidade da Mariña que está na Federación é a Fundación Expomar, que lles diría a outros colectivos para que se sumen?

O que non falta pola Mariña é tradición mariñeira, pero téñena que poñer en valor. Se o fan, recuperan parte da súa identidade e van ter todo o noso apoio.

Cal foi a embarcación tradicional máis presente na comarca?

Diso vai a exposición que se vai poñer, que leva por título ‘As embarcacións tradicionais desde o arco ártabro ata Ribadeo’, na que se poderán ver todas esas embarcacións que tiñamos, das que unha parte xa desapareceron. Hai unha cousa curiosa: o desenvolvemento da pesca industrial parte da traiñeira e a primeira que chegou a Galicia veu a Viveiro a finais do século XIX e xenerou toda unha guerra.

Por que?

Aquí estabamos cuns artes de pesca moi selectivos e cando chegaron os cataláns a Galicia necesitaban rendibilizar a súa inversión nas fábricas, necesitaban pescar masivamente e trouxeron a traiñeira de pesca. Houbo manifestacións impresionantes dos mariñeiros e aquelo desembocou en abordaxes, loitas, con dinamita polo medio... toda unha guerra. Nestes momentos só queda unha réplica desas traiñeiras en Bouzas. Estaría ben que houbera en Viveiro outra.

Destruíuse moito patrimonio marítimo?

Hai unha tendencia a facer recheos sacrificando o que foron os vellos peiraos, cando habería que respectalos porque son parte da arquitectura mariñeira. As poboacións que están á beira do mar teñen unha tradición mariñeira e hoxe a xente está alonxándose do mar, pero se conservamos algúns elementos seguimos mantendo esa identidade. Tamén nos paseos marítimos hai que integrar, non desfacer, eses elementos.

Sucede moito?

Teño a sensación de ser bombeiro voluntario por estar constantemente intervindo ante as autoridades porque se están tirando carpinterías de ribeira, cordelerías, que son elementos do patrimonio marítimo. Se hoxe tiras un hórreo tes unha multa de 6.000 euros porque están inventariados pero no patrimonio marítimo non hai inventario, estase empezando a facer agora timidamente pero necesita un pulo, unha implicación maior a nivel institucional.

Como se pode poñer en valor?

Ao patrimonio marítimo hai que darlle nova vida para que non se perda e iso facémolo integrándoo en actividades. Por exemplo en Viveiro tedes o cargadoiro de mineral integrado nunha ruta, coas embarcacións tradicionais facemos concentracións e regatas... non se trata de facer un museo para velo, senón de darlle nova vida para utilizalo con fins culturais, ornamentais ou deportivos.

Comentarios