Vicente Ledo Roca: ''Ser torneiro é unha profesión moi válida para os rapaces''

Vicente Ledo, no seu torno elaborando unha buxaina de madeira.
photo_camera Vicente Ledo, no seu torno elaborando unha buxaina de madeira.

«Traballar por amor á arte» é unha expresión que se emprega con demasiada frecuencia, e moitas veces de xeito incorrecto. Non é así no caso deste home, responsable da Aldea Rural da Fraga, na parroquia xermadesa de Cazás, e dono dunha paixón confesable: a madeira.


o xi encontro de Torneiros celebrarase do 23 ó 25 deste mes no pavillón de Xermade. Vicente Ledo, artesán da madeira, é un dos coordinadores do evento.

Como decidiu vostede dedicarse ó torneado da madeira?

Eu a relación coa madeira tíñaa moi de preto. Meu avó tiña un obradoiro pequeno nas Pontes e meu pai tamén traballaba; eran máis ben ebanistas, pero tamén utilizaban o torno. E aquilo ó que, cando eras novo, non prestabas demasiada atención, co paso do tempo vaste decatando de que pode ser un camiño que satisfaga os teus intereses persoais e profesionais. Comecei co tema do torneado e despois coa aldea artesá, que ademais dunha casa de turismo rural ten unha función pedagóxica: facilitar á xente que teña interese en poder coñecer os segredos do oficio.

Canta xente hai na zona que coñeza o oficio?

Na nosa base, xente que se dedica a tornear, case sempre por gusto, temos rexistradas unhas 500 persoas, pero aínda hai máis. Por exemplo, nas Pontes teñen unha asociación formada duns 40 socios e por Vilalba e outros municipios hai moita xente. Agora ata se venden tornos na comarca, algo imposible de atopar hai uns anos.

Cando e por que xurdiu a idea de crear un encontro de torneiros?

O dos encontros de torneiros foi unha idea que xurdiu por parte miña e dun gran artesán das Pontes chamado Fernando Vérez, pero quen a organiza oficialmente é a fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño. Os nosos obxectivos foron dende un principio recuperar a esencia do torneado, documentar graficamente as técnicas e dalo a coñecer, non como algo anecdótico, senón como unha actividade funcional, da que se puidese sacar unha rendibilidade económica. Nos primeiros anos o encontro fíxose na Casa da Fraga, pero así que foi collendo fama, o lugar quedouse pequeño e houbo que trasladar as actividades ó pavillón municipal de Xermade. Ó longo deste tempo fomos traendo grandes relatores de Francia, Portugal e outros países para que se fixese un encontro interactivo, con demostracións e explicacións de utilidade para o traballo. Porque nós sempre tivemos moi claro que dende o rural, dende o pequeno, tamén se pode chegar a cotas máis grandes. E de feito, non hai en toda a Península outro encontro destas características.

Que haberá destacado no programa deste ano?

Teremos a Alain Mailland, un artista francés moi reclamado, que vende pezas a museos por 4.000 ou 5.000 euros, a Phil Irons e a Manuel Castro. Máis ou menos a estrutura non cambiará moito, xa que funcionou moi ben ó longo destes anos. Agora interésanos moito a participación dos nenos, xa que poden ver deste xeito novas posibilidades de futuro laboral. Por iso facemos todo o posible por que os colexios da comarca e mesmo doutros sitios como León ou Benavente fagan excursións ata Xermade para que polo menos lles pique a curiosidade.

Na primeira semana de outubro tamén realizan un curso de iniciación ó torneado da madeira. En que consistirá?

O curso vai destinado a todos aqueles que queiran tomar contacto, de forma guiada, co tema do torneado. Tamén hai outros alumnos que queren reforzar os seus coñecementos ou buscar outra forma de facer as cousas. É un achegamento inicial no que incidimos moito, sobre todo no tema do afiado das ferramentas, que é fundamental, e no tema da seguridade, para que o que se enfronta por primeira vez a un torno saiba, cando menos, catro normas básicas de seguridade. Outra cousa que facemos é dar a coñecer as diferentes posibilidades das madeiras e os seus diferentes tipos de traballo: en verde ou en seco, de cota ou de veta, excavados interiores e exteriores, ó eixo ou ó prato. En resumo, é unha forma de que os alumnos establezan os seus alicerces para logo edificar o que crean oportuno, coas técnicas que eles prefiran. Son cursos con moi pouca xente, de feito agora aínda nos queda unha praza libre, porque iso permite aproveitar moito mellor o tempo e atender ás necesidades de cada alumno.

É moi complicado aprender a arte do torneado?

Non, complicado non. Hai catro cousas que hai que ter en conta e despois vas aprendendo a base de dedicación. Ti sacas o carné de conducir cun tipo ó lado e non é algo demasiado complicado, pero despois tes que facelo por ti mesmo, enfrontarte ós perigos. E sempre hai unhas normas que é necesario cumprir, tanto na estrada coma no torneado,moitas menos no segundo caso. E, basicamente, así é como traballamos aquí.

Por que se perdeu este oficio artesán co paso dos anos?

Era unha técnica moi ligada á estrutura social, económica e produtiva de Galicia; pequenas explotacións de autoconsumo, que se foron especializando. Nas Pontes eran moi famosos os Severianos, os que agora venden produtos agrarios, e de feito Álvaro Cunqueiro reuníase habitualmente co patriarca da familia para falar con el e coller inspiración para os seus contos, aproveitando, de paso, para levar algunha peza. Esta tradición perdeuse cando chegaron outros materiais máis baratos que substituíron os artesáns. Pero aínda así, a diferenza entre os produtos de sempre e os que viñeron novos nótase moito. Por exemplo, na alimentación: ti tés tomates, leitugas ou mazás da casa e o sabor, o aroma e a textura non tén nada que ver coas que compras no supermercado. Coa artesanía hai un paralelismo. É moito máis cómodo un caldeiro de plástico ou de cinc ca unha sella, que non é funcional, senón ornamental. E hoxe en día hai que valorar e buscar novos usos para os produtos artesáns.

Que teñen de especial os produtos artesáns con respecto ós industriais?

Son procesos totalmente distintos, e os resultados van parellos a eses procesos. Estas son pezas únicas, irrepetibles, non podes facer unha igual que a outra. O artesán utiliza moito o sentido común e a intuición para crear unha peciña. Vas achegando a túa capacidade estética traducida a un obxecto a través dunha técnica que coñeces. Non hai produción a gran escala e a produción é moi persoal, xa que a impronta da persoa que fai o obxecto vai sempre aí. Non é un moble de Ikea, é unha silla de castiñeiro que ten un perfil único, que é máis duradeira. É unha forma de ver as necesidades humanas dunha forma distinta ó capitalismo. Achégaste a unha peza destas e, aínda que che guste máis ou menos, flúen os teus sentidos. É unha cuestión de diferenciación, calidade e deseño.

De todo o que vostede fai, cales son as súas pezas predilectas?

Non hai un tipo de peza especial; é segundo che diga algo, sexa grande ou pequena. Nestes obxectos é como nos grandes coches: véndese o pracer, non a utilidade. Faslle a un neno unha buxaina e goza máis con ela que cunha Wii, porque tén algo especial. A min, por exemplo, gústanme os resultados máis bastos, traballar en verde, con madeira chea de fungos. Iso para min é un extra, xa que podes conseguir cousas que doutro xeito non podes facer.

DE PRETO
«O contacto coa madeira é parte da nosa natureza e da nosa historia»

 

A que se dedicaba antes de ser torneiro?

Cando estaba nas Pontes dedicábame á animación sociocultural, aínda que xa facía algún traballo de restauración e artesanía.

Que lle achega o seu traballo?

Dende o punto de vista negativo achega moitos problemas a nivel financieiro e empresarial, pero dende o positivo, permíteme vivir nun paraíso e estar en contacto cunha parte agarimosa da natureza, que é a madeira. Traballar a madeira permíteche descubrir a natureza que tes de preto, recuperar parte da historia dos nosos antepasados e aprender diso.

Algunha madeira en particular?

Non. A min gústanme o buxo e o teixo, porque son compactos e rebeldes. Gústame o piñeiro, polo seu aroma. Gústame o efecto que producen os fungos no bidueiro. Gústame o limpo do salgueiro, a dureza da acacia e o castiñeiro para os mobles. Depende do caso.

É máis complicado modelar a madeira ou moldear unha persoa?

Non se debe moldear as persoas, xa que é unha equivocación. O mellor que se pode facer é axudar a parir o que leva a xente dentro.

Tornear o corpo tamén é importante. Que alimentos lle axudan a vostede nesa función?

O chocolate (risas)! Cousas sinxelas coma os freixós ou o polbo á feira e os pratos que facemos aquí na Casa da Fraga.

Aparte da súa labor artesá, vostede pertence tamén a Turalma Terra Chá. A que se dedica esta asociación?

Pois, coma todos nós, a sobrevivir. A asociación naceu da necesidade de acumular esforzos e de rendibilizalos; as cousas que non podiamos facer individualmente, pois facelas en conxunto. Formouse a partir de negocios de ocio, restauración, turismo rural e artesanía, todos eles situados no rural e rexentados polos propietarios. O nome, Turalma, significa ‘Turismo Rural e algo máis’, e ese algo de máis, que é a alma, e o que poñemos os socios de xeito altruísta. Temos algúns proxectos por aí, que aínda non saíron adiante, como puntos de información turística, ‘Airas 3D’ ou ‘Recunchos da Chaira’. A ver se para o ano comezan a funcionar.

Cal é a función da Casa da Fraga dentro da asociación?

Oficialmente somos vocais, pero a miña función é a mesma que a do resto dos socios: axudar a que medre o tecido económico, social, cultural e natural do rural.

Entón,que hai que potenciar na Terra Chá?

Que os esforzos non sexan baldíos e que repercutan na nosa economía, aproveitando e coidando todos os nosos recursos da mellor forma posible.

Comentarios