Viaje al país de las mil cascadas

 

 
 

 
0'0 (0 votos)

No cartel deste ano da Feira do Butelo, que se celebra o domingo, o debuxante madrileño Forges invita a pensar: «A Fonsagrada: onde o sol queda máis próximo». Visitando as terras do municipio fonsagradino, cunha capital situada a 952 metros de altitude, un non pode evitar sentirse pequeno e cuestionarse o seu concepto de lonxanía, diante dunha xente que vive presuntamente illada, pero rodeada a cada metro do tremendo espectáculo da natureza.

O Concello da Fonsagrada, o máis extenso de Galicia con 443 kilómetros cadrados (para un total de 4.415 habitantes, segundo datos de 2009), é un paraíso paisaxístico que xunta atractivos para os amantes da montaña, das rutas de sendeirismo e dos ríos, da gastronomía, da pesca e da caza.

A beleza da auga brota por tódolos recunchos da Fonsagrada, boa mostra de que Galicia é, como dicía Álvaro Cunqueiro, «o país dos mil ríos». O concello está bañado polo Eo e mailo Navia, que teñen dous afluentes principais, o Rodil e o Lamas, nutridos á súa vez de diversos caudais.

Se os ríos e regos son abundantes, non son menos as seimeiras, palabra empregada polos habitantes da zona para designar as fervenzas.

A tres kilómetros da capital do municipio e na parroquia de San Martín de Suarna, a Seimeira de Vilagocende é un deleite para os sentidos. O río Porteliña, que envorca no Lamas, flúe nunha caída vertical duns 50 metros -unha das maiores da comunidade- entre unha catedral de lousa. O espectáculo visual completa o sonoro, xa que a forza da auga xera un torrente que se pode definir, sen medo ao erro, como musical. E incluso hai un goce táctil, o de sentir a cara mollarse co vento. Para os máis valientes queda darse un baño na auga conxelada.

Na aldea de Queixoiro, na ruta de senderismo de Forno do Bolo, duns cinco kilómetros de lonxitude, atopamos outras dúas seimeiras case consecutivas.

A praia fluvial Pena do Inferno, en Naraxa (a uns once kilómetros da Fonsagrada, e a 380 metros de altitude), situada nunha fraga de grande variedade vexetal e animal, é unha boa opción para quenes visiten a zona en verán e queiran darse un chapuzón. Os máis lambóns poden degustar un churrasco no restaurante do cámping para redondear o día.

E se o verán non é unha mala elección para achegarse á A Fonsagrada, o outono parece un envite seguro. O monte énchese dunha incontable variedade de cores, como as especies vexetais e animais a atopar. Os veciños destacan a fraga de Carballido, así como as de San Xes e a Marronda, como visitas obrigadas para os amantes do medio.

Para os afeccionados á caza, A Fonsagrada garda o couto máis grande de España, con 43.323 hectáreas e unha grande abundancia de especies: corzo, xabaril, perdiz, codorniz, raposo ou lebre.

E logo do estímulo do oído, da vista e do tacto, o olfato e o gusto atopan o seu momento na mesa. O butelo, nacido da necesidade de conservar a carne logo da matanza do porco, é o indiscutible rei na Fonsagrada, pero a gastronomía local garda moitos máis atractivos, como as castañas, os cogumelos, a mel, as troitas, ou -de sobremesa- o pastel típico, feito con améndoas e dezaoito ovos, nada menos.

Por se isto fora pouco, outro dos grandes valores da zona é o carácter afable dos seus habitantes. O alcalde, Argelio Fernández, explica o motivo. «A xente da Fonsagrada está acostumada a compartir. Antes, as condicións da vida na zona non eran doadas, dende logo non como agora. E a xente tiña que xuntarse para saír adiante», expón. «Quizáis polo medio no que vivimos, somos xente aberta, que abre o corazón a quen chega. Dende logo, é un orgullo vivir entre esta xente», remata.

No extremo centrooriental da provincia, o concello forma un conxunto montañoso que constitúe unha barreira natural con Asturias. No miradoiro de Arexo, a 19 kilómetros da capital e na parroquia de Vilar de Cuíña, pódese contemplar esta barreira de montañas sobre o río Navia, cunha estampa que non desmerece ningunha postal. Ao fondo, á beira do río, vese a antiga estrada da República, vial non rematado que hoxe configura un atractivo roteiro a pé.

Zona de paso do Camiño Primitivo -que emerxeu nos tempos da invasión musulmana na Península-, unha variedade do Camiño de Santiago recuperada nos últimos anos e que cada vez conta con máis adeptos, o núcleo debe o seu nome a unha fonte considerada sacra e que podería ter gozado de veneración xa nos tempos do paganismo, sendo cristianizada a posteriori. A remodelación do manantial data de 1889.

A casa de Pasarín é un dos edificios máis interesantes do casco vello, cun grande valor arquitectónico e que conserva un escudo na súa fachada. A finais de 2008 aprobouse a súa rehabilitación e utilización como albergue do Camiño, pero o inmoble non recibiu modificacións ate o de agora.

Pero as festas e feiras son, sen dúbida, un dos principais valores de A Fonsagrada. Ás exaltacións do butelo ou o porco celta, que serán este domingo, cabe salientar tamén as patronais, celebradas en setembro, a do Emigrante (en agosto) e a dos pescadores (entre xuño e xullo), na ferrería de Cuíña. Cada primeiro e terceiro sábado de mes, hai unha feira-mercado.

«Vivir aquí é unha aposta pola terra», conclúe Fernández. Logo da visita, calquera lle discute que non é acertada. En todo caso, A Fonsagrada revélase como un paraíso a descubrir. E só está a unha hora en coche de Lugo capital.

UNHA ZONA DE GRANDE RIQUEZA HISTÓRICA

A Fonsagrada é un lugar cuxo potencial económico (esencialmente mineiro) e de abrigo non pasou desapercibido, e que puido existir xa antes do século IV (Fonte Albei), como estación dun itinerario que ía de Lucus Asturum (Lugo de Llanera) a Lucus Augusti.

En 1187 hai evidencias xa da chamada Fonte Sacra, que foi medrando como lugar de paso nas peregrinacións a Santiago polo camiño do interior.

Prehistoria

O concello gozou na Prehistoria recente e nos primeiros séculos dunha ocupación de grande vitalidade. Proba delo é a existencia de mámoas (das cales algunhas investigacións arqueolóxicas contan ata 144), varios dólmenes megalíticos, preto de 80 asentamentos castrexos e xacementos mineiros.

O castro de Castañoso, un dos mellor conservados do municipio, alberga unha sauna castrexa, a única descuberta na provincia polo de agora, da cal queda a metade da teitume, aínda que o seu estado de conservación foi froito de polémica.

Fortaleza medieval

Un dos vestixios históricos máis coñecidos do municipio é a torre da fortaleza da Pobra do Burón (antiga capital municipal ata o ano 1835), datada no século XV, que dá conta da súa importancia.

Outro lugar de importancia é a ferrería de Cuíña, a maior da zona, da que hai evidencias da súa existencia xa en 1784, e que foi un verdadeiro centro de produción do mineral para o país, pechando definitivamente en 1884.

Comentarios