Viaxando a Chile

Nestas últimas dúas semanas tiven a oportunidade de vivir en Chile visitando a un fillo que traballa alí na rexión da Araucanía e de viaxar a algunhas zonas próximas no sur do país.

A presenza galega en Chile é baixa, estimándose que viven actualmente sobre uns 2.000 galegos, posto que a emigración aos países do Pacífico foi moi limitada con respecto aos da América atlántica.

Tiven a sorte de contar con dous libros de compañía. Antes de viaxar lin o de 'Chile a la vista' de Eduardo Blanco Amor, que é unha colección de crónicas que lle encargara un xornal arxentino aló polo 1950. Debera quedar prendado do país, pois fora para dous meses e a súa estadía prolongouse durante dous anos.

O segundo é unha historia de Chile de Armando de Ramón, no que fai unha boa análise da evolución do país desde a colonización ata a actualidade, comparándoa en moitos casos có acontecido nos países limítrofes, en especial con Arxentina. A colonización española en Chile fora moi limitada, posto que só chegaba á metade do país ata a cidade de Concepción, ademais doutras pequenas zonas illadas como a illa de Chiloé e a baía de Valdivia. A colonización do sur quedou para o novo Estado chileno, que entre os anos 1840 a 1860 someteu pola forza aos indíxenas mapuches, que quedaron confinados nunhas reservas, e promoveu ademais o establecemento de colonos alemáns. A unha primeira etapa dominada polas elites criollas, sucedeu outra reformista a partir de 1920, que comezou o presidente Alessandri, do Partido Radical, e rematou Allende do Socialista, derrubado polo golpe de Pinochet en 1973. A democracia quedou restaurada en 1990 e nas últimas dúas décadas houbo gobernos da Concertación, formada polo Partido Socialista e pola Democracia Cristián. O próximo domingo vai a celebrarse a segunda volta das eleccións entre Eduardo Frei, da Concertación, e Sebastián Piñera, que persoalmente parece dunha dereita moderada, pero que depende do partido máis numeroso dos antigos pinochetistas.

Nas últimas tres décadas Chile tivo un importante crecemento económico. Pero os avances teñen sido moito máis limitados na cohesión social. Os servizos públicos de educación, sanidade e protección social tan só se prestan a niveis moi básicos. As diferenzas entre un pequeno grupo de familias moi ricas e a gran maioría da poboación son moi elevadas. Precisamente os limitados avances sociais desenvolvidos polos gobernos da Concertación están tanto na base do xurdimento da terceira vía de Omiami, que sacou case un 20% dos votos na primeira volta, como no desapego de parte do electorado que pode facilitar a victoria de Piñera.

Aínda que non puiden chegar ata Chiloé, que fora denominada como Nova Galicia, non me sentín estrano nas terrras de Villarrica e Loncoche, tanto pola vexetación de pastos e de bosques, como pola amabilidade e tranquilidade da xente. Por iso comprendo que Blanco Amor prolongara a súa viaxe por Chile, país cunha natureza excepcional e con gran amabilidade por parte da súa poboación.

Comentarios