Vésperas

TODOS SABEMOS QUE O 12 de outubro do ano 1492 un tal Rodrigo de Triana que ía empolicado na cofa da carabela La Pinta fora o primeiro en ollar terra e en dar recado do tal avistamento aos demais compoñentes da expedición que Cristovo Colón mandaba e que ía á procura dun novo camiño a Cipango, que seica era como daquela se lle chamaba por aquí ao Xapón. Así o poñía nas páxinas de Historia da enciclopedia de terceiro grao e así o puidemos ver as cativas e cativos dos centros de ensino —ou polo menos dalgúns— naquela película de Juan de Orduña titulada ‘Alba de América’ que nos proxectaran, gratis e fóra do horario normal de cine, suponse que para nos imbuír dos valores que o filme pretendía propagar e que á maioría nos resultara pesadísima, cunha chea de sentenzas altisonantes que os actores declamaban con máis vontade que convicción, demasiadas escenas de pregarias e bendicións masivas e unha alarmante escaseza de acción tratándose como se trataba de contarnos tan arriscada e transcendental aventura. Soamente unha certa alarma cando o director nos ofrecía algunhas imaxes, bastante truculentas por certo, da traidora conspiración que os «descontentos de sempre» argallaban raposeiramente aproveitando a desesperanza que a falla de víveres e a incerteza dun feliz final da viaxe comezaba a aniñar entre a tripulación.

Grazas á autoridade indiscutible de Martín Alonso Pinzón e ao oportuno berro do vixía de La Pinta a cousa, na película, acaba por seguir o curso preciso para que todo, ou case todo, vaia como é debido e comece daquela un novo tempo da Historia na que habería entrar por dereito aquel Rodrigo de Triana de quen ninguén debía saber nada antes de que aquilo sucedese e que tal día coma o de hoxe de hai 518 anos, véspera do descubrimento, aínda non era ninguén... Postos a elucubrar, aquel 11 de outubro estaría implicado el tamén na insidiosa intriga que tentaba levar ao motín? Sabería xa que para o día seguinte tiña que ser el precisamente quen cumprise aquela garda de vixía? Tería noticia do lugar ao que pretendían chegar e das xentes que nel habitaban? Ía vivir o que debera ser o seu día máis importante pero non podía saber que estaba na véspera.

Un día coa desalentadora monotonía de tantos outros pero no que, se cadra, aínda solecía por veces a ilusión de facer fortuna coa que embarcara había máis de dous meses en Palos de Moguer e antes de bater de fronte coa dura realidade de quen é menos: Colón prometera gratificar cun xibón de seda e mais unha boa presa de marabedís a aquel que primeiro albiscase terra firme, pero cando Rodrigo de Triana foi reclamar o que en xustiza lle correspondía, o xenovés xuraba e perxuraba que antes de que o outro berrase nada dende a cofa de La Pinta el xa había bastante tempo que vira no horizonte as praias de area branca da costa do suposto Cipango e decidira quedar el coa recompensa...

Por iso igual paga a pena festexar tamén as vésperas, mesmo coa boca pequena, antes de que chegue o desencanto.

Comentarios