miércoles. 03.06.2020 |
El tiempo
miércoles. 03.06.2020
El tiempo

PERFIL

Verónica Quintela López: "Sinto que os xigantes e cabezudos son agora algo do pobo de Sarria"

Verónica Quintela López é a presidenta da asociación Crearte de Sarria e artífice da elaboración de cabezudos
Verónica Quintela López é a presidenta da asociación Crearte de Sarria e artífice da elaboración de cabezudos
Nacín en Manán, ao ladiño do río Sarria. Quizais por iso un dos meus intereses principais é o respecto á natureza: coidar, sentir e facer valer o medio no que vivimos. Creo que o importante na vida é atopar esa chispa que te conecte coa alegría e che permita estar ben dende dentro para conseguir así estar ben co mundo e compartilo cos demais

Formada na rama de Forestais e con estudos de cerámica na escola Ramón Falcón, Verónica Quintela compaxina o seu traballo actual como monitora de xardinería nun obradoiro de emprego cunha intensa actividade cultural. Peleriños, Rebuldeira, Crearte, La Unión ou Dirindainas son algúns colectivos que contan, ou contaron, con esta polifacética sarriá.

Canta, fai teatro, é ceramista... De onde lle vén esta inclinación artística? É cousa de familia?

Si, na miña familia un pouco artistas si que somos. Sobre todo nas novas xeración somos varias as persoas relacionadas co teatro, a danza… Para min é unha busca co fin de descubrir cousas que axudan a estar ben contigo mesmo, expresarte, relacionarte cos demais e compartir.

Dende hai xa cinco anos leva tamén o peso da creación e restauración de xigantes e cabezudos para as festas de San Xoán. Séntese identificada con este proxecto?

Síntome moi identificada, non só eu, senón tamén toda a asociación Crearte e a xente que colabora. Sinto que agora son algo do pobo de Sarria e gústame por iso, porque se recupera a tradición e danse a coñecer historias interesantes e personaxes coma o grumete Pedro de Manán, curiosamente do meu pobo, que ía no primeiro barco que puxo o pé en Australia, segundo recompilou Arlindo.

Como afronta este traballo?

Cando empecei foi un reto persoal porque nunca fixera un cabezudo. Foi como poñer unha semente, que agora xa vai en 13 xigantes e cabezudos. Pola miña parte segue habendo ilusión e mentres haxa interese no Concello apetéceme seguir adiante con isto.

Ese interese do que fala por recuperar as tradicións inflúe dalgún xeito na súa participación no grupo de cantareiras Dirindainas?

Si, claro. Sinto que o idioma e as raíces teñen importancia para descubrir quen es ti e para relacionarte cos demais. Chámame moito coñecer cousas do pasado e conservar tradicións. Paréceme importante ter esa conexión cos nosos antergos. O de cantar ten esa parte da tradición, que a min encántame, pero tamén a de relacionarte cos demais e a de expresar. Ás veces o de sacar a voz para fóra custa moito, pero logo é moi satisfactorio e terapéutico.

E o teatro, que lle achega?

Creo que é moi importante e dende Crearte estamos con ganas de facer algo nesta liña. Eu son unha persoa tímida e a min o teatro, a través de Rebuldeira, axudoume a expresarme e saír dese espazo de confort que todos nos creamos. Moitas veces dá moito medo saír para fóra e o teatro axuda.

Leva xa preto de dous anos á fronte da asociación. En que diría que se diferencia Crearte doutros colectivos de tipo cultural?

A asociación xurdiu hai seis anos por parte dun grupiño de persoas coa idea de crear un espazo e darlle oportunidade á xente que ten interese en conectar consigo mesma, porque moitas veces vivimos para fóra e olvidámonos de quen somos. É diferente a outras asociacións culturais porque esta busca algo máis a nivel persoal.

Unha das liñas que define a Crearte é o interese pola natureza e o medio ambiente. Cre que vivimos de espaldas a eles?

Totalmente. Creo que en xeral se lle dá tanto valor ao tema econónico que a natureza témola olvidada e castigada moitas veces. E sen valorar o que temos, porque realmente aquí en Sarria a contorna é marabillosa.

Esa preocupación polo medio foi a que a levou a posicionarse no seu día en contra das obras do plan de encanamento do río Sarria?

Si, totalmente, a min móveme moito máis iso, o tema ecolóxico, que ao mellor a cuestión de malgastar cartos, que tamén.

Dende Crearte colaboran con outros colectivos como a sociedade La Unión. Ve necesaria esa conexión entre entidades para facer progresar o tecido asociativo?

Si, creo que sería moi importante facer cousas en común as asociacións. De feito houbo algún intento, pero non callou moito.

Que propostas faría no ámbito cultural en Sarria?

Algo que vexo moi claro é potenciar a antiga prisión comarcal porque por ela pasan moitísimas persoas ao estar ao pé do Camiño de Santiago. Podería ser un espazo compartido para os artistas de Sarria, para facer talleres que a xente poida ver. Dentro da idea de Crearte tamén está ofertarlle máis cousas ao peregrino, que non sexa só durmir ou comer na vila, senón tamén facer actividades.

Que plans ten para o futuro?

A nivel de Crearte, conseguir chegar a máis xente sería un obxectivo bo. E a nivel persoal teño ganas de adicarme máis á cerámica, e algún proxectiño de empezar a traballar por min mesma.

Verónica Quintela López: "Sinto que os xigantes e cabezudos son...
Comentarios