Verónica Boquete: ''Non nos tratan coma a un xuvenil que pode chegar a xogador de Primeira''

Verónica Boquete Giadáns (Santiago, 1987) abre o camiño, duro, das futbolistas galegas. Cun xogo sutil, mais forte; de pasadora, tamén de goleadora; xoga no Espanyol en inverno, e nos Estados Unidos en verán. Esta temporada, unha vez máis, quedaron ás portas do titulo da Superliga feminina, caendo por 1-2 en Barcelona tras empatar 2-2 en Vallecas fronte ao Rayo Vallecano (os dous goles de Verónica). Na mellor liga do mundo, a estadounidense, espérana para outro equipo facer campión ao subcampión, Philadelphia Independence.

Pregunta: Chegabades cun 2-2 a Barcelona para a volta. Que pasou para rematar cedendo o título?
Resposta: Nós sabíamos que ía ser un partido igualado. Igual que se foramos a Madrid con 2-2 iríamos con toda a confianza, pois xogamos en Barcelona sabendo que non era nin moito menos unha vantaxe clara. Tampouco se viu un grande partido, non é o típico nas finais. Uns detalles marcaron o partido e non puido ser.

P: É a segunda vez consecutiva que quedades ás portas do título de Superliga, e as dúas tras ser campioas na fase regular. É tan complicado o formato?
R: É verdade que a última fase na que estamos os 8 primeiros e cada partido é unha final na que calquera conxunto pode dar a sorpresa. Son moitos meses de traballo e son dous anos sendo o equipo máis regular e quedando subcampioas. Agora xa non vale de nada laiarse. Só pasaron uns días e o equipo estáo asimilando, pero hai que superalo, porque o domingo é o seguinte partido.

P: É inxusto este sistema?
R: Si porque podes chegar con baixas ou pode complicarse un encontro. A liga sempre a gañou o equipo máis regular e levamos dúas temporadas demostrándoo. Pero hai que consideralo coma unha copa, na que hai que gañar a todos, sen máis.

P: Que compromiso tedes a curto prazo?
R: Esta fin de semana comezamos a Copa, co Athletic de Bilbao. A idea é levantar o ánimo do equipo e afrontar con garantías esta competición. O caso é que eu non a vou xogar, pois marcho xa para Estados Unidos, na semana que vén. Era algo que xa tiña falado co club de antemán.

P: Fuches a máxima anotadora da Liga. Hai algunha faceta no xogo na que sintas que debes mellorar?
R: Este ano estou xogando máis arriba, de punta. Ata agora estaba facéndoo máis atrasada, de enganche. Algo que estou intentando mellorar é o remate de cabeza. Antes non me facía tanta falta. Pero agora atópome con centrais que van ben de cabeza e que teñen moito corpo e teño que mellorar para ter posibilidades.

EE UU, CHEGAR E ENCHER
P: Conseguiches xogar en EE UU, pero de inicio na Women´s League, a segunda categoría. Ías co rol de estrela?
R: Non, eu fun coa idea de axudar ao equipo a lograr o ascenso á Women´s Pro Soccer cos Buffalo Flash, algo que finalmente conseguimos, e de gozar Ao rematar xa me chamaron para xogar na primeira categoría cos, Chicago Red Star, ata setembro.

P: Que diferenzas notaches entre a liga española e a estadounidense?
R: Pois o nivel físico sobre todo. O desenvolvemento dos partidos non ten nada que ver co que podemos ver en Europa. Tecnicamente non hai tanta diferenza, pero a súa preparación física está bastante por riba. En canto a seguimento, acoden aos partidos 3.000 e 4.000 persoas en cidades que aquí son grandes, pero das normais alí. Os estadios tampouco se enchen, son moi grandes.

P: Con que perspectivas volves aos EE UU?
R: O primeiro de gozar da posibilidade de volver á mellor liga do mundo. Agora vou coa intención de que loitemos polo título. O club ao que vou quedou segundo e esa é a idea. Este ano hai reforzos, pero alí a competición está moi igualada e todos teñen grandes equipos, será complicado.

FÚTBOL FEMININO, AFECCIONADO   
P: Como está a situación en canto ao aumento de licenzas?
R: Cada vez se fixeron máis equipos de fútbol feminino, incluso despois do aumento que houbo cos partidos da Selección Galega. En Galicia sempre houbo máis tradición de fútbol sala e iso está cambiando. Sería importante que un equipo en Galicia puidese conseguir o ascenso á Superliga. Está aí o Olivo de Vigo, que lle queda un partido. Creo que Galicia é a única comunidade do Estado que non tivo nunca un equipo na máxima categoría.

P: Sería isto o impulso definitivo para Galicia ou para as xogadoras galegas?
R: Eu penso que máis para as xogadoras galegas, porque non terán que marchar a fóra para xogar ao máis alto nivel. Pero debemos pensar que con isto non é suficiente para Galicia, que por ter un equipo en Superliga isto vai cambiar a situación real do día a día no fútbol feminino.

P: A que vos dedicades aquí fóra do fútbol as xogadoras do Espanyol por exemplo?
R: Moitas de nós somos estudantes ou traballamos. Desde a federación non se permiten contratos profesionais co clube. Nós podemos ter un contrato privado co clube pero non regrado pola Federación. Estase esixindo á Federación que dea a posibilidade de ter ficha profesional, pero semella que non lle preocupa, e tamén un pouco o seguimento da xente, que para iso os medios de comunicación teñen moita importancia.

P: Para a xogadora galega é complicado darse a ver fóra. Como che chegou a ti a oportunidade?
R: Anos antes de chegar a Zaragoza, a través da selección galega, competindo contra outras seleccións en torneos entre as Comunidades Autónomas. Chegou a chamada da selección española sub-19, cando tiña 16 anos. A raíz disto, xogando en partidos internacionais, os equipos coñécente, as xogadoras coñécense e así me viron e chegou a oportunidade.

P: Sen os partidos das seleccións sería posible?
R: Non, onde nos damos a coñecer é fóra. Por sorte hai máis equipos galegos en competicións a nivel estatal, na Primeira Nacional -segunda categoría-, e xa saes a xogar partidos noutros lugares. Tamén coa selección galega en Campionatos de España, e así faise máis doado.

P: Xogar partidos da selección galega sen o apoio da administración autonómica é imposible?
R: Non, penso que si que se pode, de feito estes días tiven noticias da seleccionadora galega, que co novo encargado da Federación volveu a idea de xuntar de novo a selección e o proxecto que se tiña. Non sei se iso é unha solución ou non, pero penso que pode sumar máis que restar, sobre todo pensando no fútbol feminino, deixando aparte o que non sexa deportivo.

P: Case ningún dos equipos punteiros galegos teñen un equipo feminino, supón un lastre?
R: Intentouse coa reforma da Superliga que os equipos grandes puidesen subir directamente. Os equipos que o fixeron non deron o nivel. Todo o mundo quere que haxa un Real Madrid, un Barcelona, un Dépor, un Celta. Pero o que realmente necesitamos é que se comprometan e estean implicados no tema. Se o fan por compromiso e as rapazas están desamparadas, tampouco beneficia.

P: O interese e tratamento do Espanyol cara ao colectivo feminino si parece achegarse máis ao desexado, non é?
R: A verdade é que aquí non temos ningunha queixa. Somos o apartado que máis agarimo recibimos dos seareiros, porque tamén somos as que máis títulos traemos ao clube. Sentímonos apoiadas, pero sempre hai cousas que cambiar, porque sempre temos os peores horarios. Ao final un cadete ou un xuvenil pode chegar ao primeiro equipo, pero as mulleres non imos poder acceder a iso.

NA PROCURA DA IGUALDADE
P: Hai machismo dentro do voso círculo máis próximo?
R: Si o hai o caso de adestradores que lles costa acostumarse, fan algúns comentarios. Hai xente do club que non nos trata coma a un xuvenil que pode chegar a xogador de Primeira. Os árbitros, moitos pitan diferente segundo pitan un de feminino que de masculino. Pero os máis achegados non é o caso, están máis sensibilizados co tema da igualdade.

P: Falades entre vós da actitude condescendente coa que se trata nos medios, as poucas veces que se di algo, o fútbol feminino?
R: Tratamos de evitalo. O noso comentario é que "polo menos sae algo". Atopámonos ás veces tan desprotexidas e pouco valoradas que cando saen cousas, xa sempre é positivo. O que si nos molesta Xa que non nos axudan, que polo menos non nos prexudiquen.

P: O caso dos medios de comunicación é paradoxal. Unha canle coma Eurosport aposta polo fútbol feminino con contidos máis ou menos periódicos. Teledeporte, medio público, non parece ter tanto espazo para el. Reclamastes por mellorar esta situación?
R: Penso que se podería facer moito máis, tamén Eurosport e Teledeporte desde logo. Un caso concreto: o sábado a final da Superliga en Madrid non a deu ningunha televisión, nin en directo nin en diferido. A máxima competición a nivel estatal! Tes programación e canles dedicadas só ao deporte, e non atopas un espazo un partido de fútbol feminino... A verdade e que é bastante lamentable.

FUTURO: SEMPRE FÚTBOL
P
: Gustaríache xogar en Galicia a curto prazo?
R: Agardo ter unha carreira longa, xogando a nivel alto moitos anos. Se houbese un equipo de Superliga competitivo ata certo punto, podería, nun futuro. Pero iso é futuro e non o sei.

P: Tes pensado continuar nun futuro como adestradora?
Penso que ese si vai ser seguramente o meu futuro, porque é o que máis me gusta. Seguir relacionada co fútbol dalgún xeito.

P: Existe a posibilidade de ser adestradora dun equipo masculino, como acontece ao revés?
R: Si, porque de feito xa se dá nalgún caso. Pero é complicado polo machismo. Non se conseguiu a un nivel alto. É un reto persoal que espero poder conseguir.

Comentarios