As verbas do tempo en Pedrafita do Cebreiro

Os lugares deste municipio agochan unha historia que bebe dunha inmensa fonte de tradición popular, gardada a través do correr dos séculos
Procesión coa Virxe en Pedrafita do Cebreiro durante a festividade que se lle dedica.
photo_camera Procesión coa Virxe en Pedrafita do Cebreiro durante a festividade que se lle dedica.

CANDO A NÉBOA comeza a baixar, no Cebreiro séntese que nesta paisaxe de alta montaña ocorre algo propio dos contos quiméricos, pois o ceo semella querer xunguirse coa terra; con ese chan que foi pisado por tantas xeracións de campesiños e atravesado por peregriños de tódalas partes do mundo, os cales viaxan ata Compostela seguindo o roteiro do Camiño Francés.

Neses intres onde estas dúas partes parecen encaixar nunha soa, xermola a sensación de estarmos a dar pasos entre carreiros de algodón; trátase dunha andaina lenta e desviada ás veces pola translucidade desas nubes doces, mais tamén un tanto traicioeiras que de súpeto son quen de interromper a visión do hourizonte.

O Cebreiro desprende por veces un aire brusco que se vai porfiando no ambiente ata crear un ritmo que marca o tempo e o espazo deste lugar. Deste xeito, preséntese que a historia colectiva do pobo quer revolverse e facernos viaxar ata periodos lonxanos, coma os de antes da chegada dos romanos, cando as pallozas constituían a vivenda familiar dos seus habitantes. Arestora estas construcións forman parte do Museo Etnográfico, pois son as testemuñas que quedan daquel tempo no que a nosa terra aínda non era chamada Gallaecia.

Envoltos noutra ráfaga de ar fresco e asubiante podemos seguir paseando ata onde os nosos ollos albiscan o santiario de Santa María Real do Cebreiro, unha edificación de arte prerománica,a cal nalgún tempo fixo as funcións complementarias de hospital e priorato.

Tal como informan na propia páxina do Concello de Pedrafita do Cebreiro, o santiario comezou a gozar de esplendor que aínda hoxe conserva coa chegada no ano 1072 dos monxes franceses de Aurelliac, aínda que o primeiro hospital xa fora posto durante o ano 835.

Porén, se por algo destaca este espazo relixioso, é por mor dun milagre que disque se tornou moi popular no século XIV. Hortensia Pombo Carballo, muller de 83 anos de idade asentada na aldea de O Seixo (Pedrafita do Cebreiro), explícanos a lenda deste xeito: "Esta historia din que lle sucedeu a un home con moita en fe, que vivía en Barxamaior. Ocorreu nun día invernal de abundante frío e neve, no que a pesar das inclemencias do tempo o fregués quixo acudir á misa no Cebreiro. Cando chegou aló seica lle caían os carambelos de neve do pelo e o monxe con ton burlón sentenciou o seguinte: 'Este hombre viene a misa con tan gran tempestad y fatiga a ver un poco de pan y vino'. De súpeto, a hostia transformouse en carne e o viño, en sangue. Cando era cativa tamén me contaron que deseguido o monxe metérase na sancristía e xa non puidera botarse fóra dela".

Na actualidade, Santo Milagro é recordado na data do día 9 de setembro de cada ano cunha festa que se realiza na súa honra, xusto un día despois de que se faga a celebración do día de Santa María Real do Cebreiro; é tradición que durante eses días de festexos lle sexa permitido ao público achegarse a bicar as súas reliquias. Asimesmo, na igrexa tamén se albergan pezas relevantes do arte románico, como o Cálice e a Patena.

VIRXES. Continuando a conversa con Hortensia resulta de interese escoitar saír dos seus beizos a narración dun feito acontecido en torno á talla de Santa María. "Nós tiñamos unha santa moi fermosa que se trocou por outra. Eu aquela santa vina ben e sei que non se parecía en nada á que hai agora", lembra.

Este relato que explica esta muller da alta montaña é algo do que se ten comentado moito na zona, mais que durante un tempo foi un murmurio silenciado e pouco denunciado polos seus habitantes. Pola contra, xa hai uns anos que un equipo de investigación do patrimonio estudou este caso de suplantación das virxes e manifestouse a prol dos que insisten na existencia dun cambio e non dunha restauración, tal como afirmou no seu día a versión oficial da igrexa.

De seguirmos facendo camiño, pasado Liñares, chegamos o alto de San Roque, situado a 4 kilómetros do Cebreiro. Neste punto atópase unha escultura de José María Acuña, que data do ano 1993. A figura dun peregriño desafiando a tempestade pretende ser unha homenaxe a tódolos camiñantes con destino a Santiago, que normalmente adoitan facer unha parada de descanso neste lugar.

Non obstante, se o paseante opta por afastarse aínda máis do Cebreiro, a seis kilómetros del atopará o Hospital da Condesa. O seu propio nome garda relación con feitos vividos, pois no século IX a muller do Conde Garzón, coñecida como Dona Egilio, fundou aló un hospital. Nesta aldea tamén se atopa actualmente un albergue para o reposo dos peregrinos e a igrexa románica de San Juan, a cal conta cunha torre á que é posíbel subir empregando unha escaleira exterior.

Dentro das opcións a barallar despois desta visita pode estar retroceder un chisco dende o Hospital da Condesa ata o camiño que conduce ao Courel; tomada esta desviación é posíbel parar en Pacios, pertencente a Pedrafita do Cebreiro.

FEUDAL. A xente deste pequeno punto do mundo coñece ben a historia transmitida por moitas xerácións sobre o señor feudal de Pacios, que destacaba pola súas desorbitadas posesións e tiranía. A día de hoxe consérvase aló a casa señorial pegada á igrexa, a cal nalgún momento foi de uso exclusivo da familia do señor e daqueles que traballaban para el.

Dende Pacios pódese abandoar a estrada do Courel e torcer cara unha desviación que indica O Seixo,unha aldea que pertence á parroquia de Pacios. Este lugar que sufre os efectos do despoboamento rural posúe un escaso número de habitantes que viven en base ás pequenas explotacións agrarias e gandeiras.

VALES. Se nos adentramos nos montes do Seixo podemos ir parar ata Pena de Vales. Dende este punto somos testemuñas vivas dunhas vistas panorámicas, onde a natureza parece impoñerse sobre nós , o seu pulso síntese later con forza dende as raizames fondas da terra; bidueiros, castiñeiros, xestas floridas,margaridas na primavera, sabanetos ( ‘digitalis purpurea’) nos carreiros etc.

A paisaxe xoga continuamente fronte a nosa presenza e entre as alturas das montañas do Courel, Pedrafita do Cebreiro e Faro.

Ademais se aínda nos quedan folgos despois deste repouso, podemos coller cara o monte do Chao da Vella e seguir deste xeito o camiño que conduce ao Poio, onde outras historias agochadas na paisaxe agardan o intre para ser narradas e ouvidas. A fin de contas, así sobrevive a cultura popular dun pobo, a través da escoita activa de quen non quere deixala morrer.

Comentarios