Vento na cabeza

'A ferida do vento' (Editorial Galaxia) sérvelle a Antón Riveiro Coello para homenaxear a Carlos Casares, pero a maiores diso permítelle artellar un intenso relato alicerzado na memoria da súa contorna natal, chea duns personaxes curiosos que se mergullan no íntimo tránsito da infancia á adolescencia.

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

TEÑO A FERIDA do vento nas mans cando se fai público por parte da revista dixital Fervenzas Literarias e dos seus usuarios a escolla deste título como o mellor na nosa narrativa no 2016. Unha beizón máis para a escrita dun autor, Antón Riveiro Coello que non deixa de pousar textos marabillosos nas nosas letras. Novelas como As rulas de Bakunin, Laura no deserto ou Os elefantes de Sokurov, e agora esta novidade, converten ao seu autor nun dos nosos máis poderosos narradores.  

Se a memoria é un tema sempre presente na súa escrita desta volta a memoria é puro sentimento. Unha mirada cara a súa propia xuventude, nese paso épico da infancia á adolescencia permitíndolle fiar unha historia tan local como universal, que converte o seu Xinzo de Limia natal nunha terra de personaxes estraños, de seres que, como en tantas outras vilas, son os que se dan en chamar ‘tolos’ e aos que lles poñemos os máis curiosos alcumes. Enguedellar esa historia persoal coas historias deses "tolos" é o primeiro acerto da novela que ademais amósanos unha derivada emocionante como é a conexión tributaria cunha obra referencial para moitos –polo menos para a miña xeración da EXB e do BUP–, na que a lectura de Vento ferido, foi unha das nosas primeiras aproximacións á lingua galega. O seu autor, Carlos Casares, paisano de Antón Riveiro Coello, recibe así a homenaxe de quen tanto o admirou, con quen chegou a ter amizade, e a quen mesmo inclúe como personaxe no argumento de A ferida do vento, precisamente no ano no que Carlos Casares será un dos nosos protagonistas literarios pola súa escolla como personaxe central do Día das Letras Galegas 2017. Xa dende o propio título esa débeda evidénciase sen rubor algún, ben ao contrario é o facho que nos guía polo seu interior, polas vivencias do mozo Antón que regresa, tras tres meses de internado, na procura dun amor que xa non está, convivindo dende entón coa lousa da ausencia, co manexo do sentimento de perda, pero tamén con todo o que ten de descubrimento nuns instantes tan especiais nas nosas vidas. 

Xunto ao persoal, Antón descubre tamén o seu interese pola vida, desenvolvendo ese sentido da observación que todo escritor debe carregar para que as súas historias se peguen á vida. E nesta obra se algo temos son vidas, as desa colmea de seres a cada cal máis diverso, cada un máis singular e que forman parte do ecosistema no que se moveu o autor, convertendo ao vento desa chaira limiá no culpable dese inzamento de mentes alteradas, algo que non é ningunha tolemia ou un elemento dramático xurdido do maxín do escritor, xa que non son poucos os estudos que aluden á capacidade dun vento sostido como modificador das nosas condutas. Tamén a arte reflectiu esa cuestión, só cumpre lembrar a obra mestra do cinema mudo, O vento (1928) de Victor Sjöström, na que se visibiliza como esa condición do vento en certas xeografías pode provocar os máis diversos trastornos na mente humana. 

Antón Riveiro Coello compón de novo unha novela de fondo alento, no que o lector séntese máis que a gusto percorrendo unhas páxinas nas que conviven dous tons

Antón Riveiro Coello compón de novo unha novela de fondo alento, no que o lector séntese máis que a gusto percorrendo unhas páxinas nas que conviven dous tons, un sempre respectuoso e afectuoso cara todos eses personaxes xurdidos do imaxinario da súa vila, no que tamén se emprega o humor; e outro, cheo de intensidade e intimidade, cando é o propio autor quen lle pon palabra ao seu tempo adolescente, dende a que recompoñer unha mirada que é quen de achegarnos ese ton emocional cheo de sensibilidade. Ambos matices apoianse un no outro, e así esas vidas case fantásticas serven de sutura á dor, de terapia fronte unha perda incomprensible cando hai tan pouco que comprender, simplemente o final. Pouco a pouco esas existencias servirán de empurrón á vida do protagonista, unha vida que está xustamente no seu comezo, dirixindo os nosos ollos cara un momento decisivo para o Antón Riveiro Coello de hoxe, xustamente cando a vida e o seu pobo decidiron que tiña que ser escritor ou o que é o mesmo, un contador de vidas.

Comentarios