Veciños Independentes de Alfoz inicia os trámites para ser un partido político

A agrupación busca ser un referente no goberno local e converterse nunha alternativa para a veciñanza promovendo a súa participación
Reunión da agrupación Veciños Independentes de Alfoz
photo_camera Reunión da agrupación Veciños Independentes de Alfoz

A agrupación Veciños Independentes de Alfoz iniciou os trámites para constituirse como partido político coa aprobación da acta fundacional da formación, os seus estatutos e a elección dos integrantes dos órganos directivos provisionais. "Veciños Independentes de Alfoz nace como partido coa pretensión de ser un referente no goberno do Concello, promovendo a participación activa da xente de Alfoz na vida pública municipal e considerando que a creación desta organización permitirá á veciñanza ter unha alternativa na que confiar", aseguraron este martes dende a agrupación.

Segundo se indica nos estatutos existirá unha dirección executiva constituída por un mínimo de cinco membros e formarán parte da mesma os concelleiros con cargo en vigor e un número de membros elixido pola asamblea xeral, que como mínimo será superior nun ao número de edís.

Ata a celebración da asamblea xeral, na que se elixirá a primeira dirección executiva electa e que deberá celebrarse no prazo máximo de seis meses desde a constitución do partido, existirá unha dirección executiva constitutiva como órgano directivo provisional. Os integrantes deste órgano son Efigenia Maseda como presidenta, Francisco José Fernández como vicepresidente, Pablo Maseda como tesoureiro e Jordi Meilán como secretario. Como vogais foron elixidos José Luís Cascudo e os actuais concelleiros, Carmen Geada e Xabier Pardiñas.

Comentarios