Vecinos de Torés localizan un castro no catalogado cerca de Cabanas

O colectivo Patrimonio dos Ancares informou do achádego á Xunta e ao Concello das Nogais
Castro de Cabanas.
photo_camera Castro de Cabanas.

A asociación Patrimonio dos Ancares puxo onte en coñecemento da Xunta de Galicia e do Concello das Nogais o achádego dun castro, ata agora non catalogado, que se encontra preto de Cabanas, na parroquia de Nullán, no Concello das Nogais. Membros da Asociación de Veciños de Torés descubriron indicios deste castro, que posteriormente foron corroborados por especialistas de Patrimonio dos Ancares.

O castro está situado nun outeiro que rodean os regueiros da Reteixeira e Reboredo e o río Boullón. Está oculto nun souto e ten boas defensas naturais. Para protexelo, os seus habitantes valéronse dun forte desnivel do terreo e construíron un foxo no suroeste, a parte máis vulnerable.

Na croa consérvase unha pequena construción circular, unha especie de cortín que, en opinión dos seus descubridores, podería terse utilizado para gardar castañas. Tamén hai varios amoreamentos de pedras.

Fóra do recinto do castro aprécianse restos doutra construción, pero está por determinar se é da época castrexa ou outro tipo de construción posterior.

O presidente da asociación Patrimonio dos Ancares, o historiador Xabier Moure, sostén que hai indicios para pensar que se trata dun castro romanizado. Apareceron tégulas que o fan pensar e existen referencias orais á presencia dos romanos nesa zona.

Tamén moi preto do castro, nas proximidades do río Boullón, os membros da asociación Patrimonio dos Ancares identificaron unha canle de auga que parece ser moi antiga. Xabier Moure aventura que podería tratarse dun lavadoiro romano, pero está por determinar.

O propio Moure púxose en contacto onte con responsables de Patrimonio da Xunta de Galicia e do Concello das Nogais, para dar conta do descubrimento do castro de Cabanas e solicitar a súa inspección por parte dos especialistas responsables de catalogalo.

A toponimia da zona deu pistas para o achádego do castro. Ao pé do monte onde se atopa hai un lugar chamado A Chousa do Castro e non moi lonxe están o monte Castrillón e a Ponte do Castrillón. Desde ese outeiro, os castrexos podían observar o castro de Vilaesteba, que está a pouco máis de medio quilómetro en liña recta.

Moure constatou que o asentamento castrexo está bastante alterado nalgunhas partes debido á extracción de madeira da zona.

Este achádego súmase aos arredor de 140 castros e 70 mámoas que a asociación ten contabilizados na comarca dos Ancares.

Comentarios