viernes. 05.06.2020 |
El tiempo
viernes. 05.06.2020
El tiempo

Veciños de Negueira intentan amañar unha escola vía crowdfunding

Veciños de Negueira realizando labores de acondicionamento
Veciños de Negueira realizando labores de acondicionamento
Buscan fondos a través de internet para acondicionar un espazo con fins educativos e sociais

Un grupo de veciños de Negueira de Muñiz iniciou unha campaña de crowdfunding para recadar fondos que lle permitan rehabilitar a chamada escoliña de Vilar. O seu obxectivo é converter este edificio nun espazo habitable que poida destinarse a fins educativos e sociocomunitarios.

A iniciativa está promovida polos veciños que repoboaron as aldeas do val do Navia que quedaron deshabitadas cando se construíu o encoro de Grandas de Salime. Xurdiu da necesidade de buscar un espazo para o desenvolvemento dos nenos, pois están a unha hora de camiño de calquera centro educativo, de saúde ou biblioteca.

Apuntan que queren facer da escoliña de Vilar "un espacio educativo para el desarrollo en un entorno natural, fomentando y promoviendo la autonomía y la participación crítica, en una relación directa con la naturaleza". Aínda que a motivación inicial foron os nenos, o proxecto contempla tamén usos comunitarios dirixidos a adultos, para "actividades culturales y formativas".


As achegas propostas oscilan entre os 10 e os 200 euros e poden facerse a través do portal goteo.org


Os promotores márcanse dúas etapas no camiño: o obxectivo inicial é conseguir 11.216 euros para comprar o material necesario para cambiar o chan, poñer as ventás, illar o primeiro andar, poñer unha cociña de leña e un baño. Se a recadación chegase aos 23.644 euros, poderían tamén contratar man de obra cualificada, poñer unha estufa de leña como segunda fonte de calor e unha instalación eléctrica fotovoltaica.

Os antigos poboadores de Vilar construíron o edificio pouco antes de ter que marchar, cando as augas do encoro dividiron o concello de Negueira e deixaron illada esa parte, e nunca chegou a utilizarse como escola. Os novos veciños da zona fóronlle facendo amaños puntuais para manter a estrutura en pé, pero o inmoble necesita unha obra de maior envergadura para ser habitable.

Os impulsores do proxecto están dispostos a ser a man de obra que o execute, pero son conscientes de que algúns traballos teñen que ser realizados por especialistas. Ademais de diñeiro, coa campaña de crowdfunding queren tamén captar a atención de profesionais que poidan axudar en tarefas especializadas, como fontanería ou instalacións fotovoltaicas, pero agradecen tamén a colaboración de calquera que queira apoiar.


O obxectivo é conseguir 11.216 euros, pero se chegasen aos 23.644 poderían contratar man de obra cualificada


Os veciños desta zona de Negueira acometeron hai tempo un proxecto similar para recuperar a escola de Ernes como centro social e cultural, aínda que nese caso fixérono cos seus propios medios.

Teñen experiencia na xestión de proxectos comunitarios. Contan cunha cooperativa que produce e transforma alimentos e que realiza traballos de carpintería e bioconstrucción. Promoveron agrupacións veciñais e eventos formativos.

As achegas propostas oscilan entre os 10 e os 200 euros e poden facerse a través do portal goteo.org. Onte a recadación superaba os 2.000 euros e aínda quedan 37 días para solidarizarse con estes emprendedores.

Veciños de Negueira intentan amañar unha escola vía crowdfunding
Comentarios