Vázquez Portomeñe homenaxea as queixeiras da Ulloa nunha feira que cumpriu expectativas

Palas de Rei acolleu o certame, que estivo moi concorrido e rexistrou un elevado nivel de vendas. Francisco Conde, Víctor Vázquez Portomeñe e Miguel Ángel García Baquero foron nomeados comendadores
Vázquez Portomeñe
photo_camera Vázquez Portomeñe

A XXIV Feira do Queixo de Arzúa-Ulloa, que se celebrou onte en Palas de Rei, cumpriu as expectativas de afluencia de público e vendas e convertiuse da man do seu pregoeiro, Víctor Manuel Vázquez Portomeñe, nun acto de recoñecemento ás queixeiras ulloanas que transmitiron de xeración en xeración a arte de elaborar o produto distintivo da súa terra.

O exconselleiro e exsenador dixo que hai constancia de que o queixo existe desde hai máis de 7.000 anos, ignora quen o inventou, pero onte quixo imaxinar que foi «unha muller da Ulloa, que trouxo ao mundo un produto de sabor inesquecible, poesía do padal». Esa muller ulloana «invadiu sen outras armas» e hoxe o queixo está en todas as mesas europeas «e non hai nación que non presuma dos seus queixos».

Vázquez Portomeñe aproveitou a oportunidade que lle deron os ulloanos para pedir un «recoñecemento imperecedeiro» para «as prodixiosas mans da muller da Ulloa que fixeron queixo no lento lume das cociñas, poesía cargada do amor posto na tarefa».

Porén, valorou tamén a capacidade de evolución que tiveron ata chegar ao nivel de calidade e hixiene que hoxe caracteriza aos produtores de queixo da denominación de orixe Arzúa-Ulloa.

Onte estaban na feira de Palas de Rei e puideron comprobar que o resultado do seu traballo segue atraendo a miles de persoas ano tras ano e conquistando os padais máis esixentes.

Tapas. Unha ducia de hostaleiros da localidade aliáronse cos queixeiros para dar a coñecer as utilidades do seu produto e participaron nun concurso de tapas. A proposta máis valorada foi a de Casa Camiño, co título ‘Un celta na terra da Ulloa’. En segundo lugar quedou ‘Porco, pataca e mel’, da Parrillada Ponterroxán, e o terceiro posto foi para o Albergue Buen Camino, coa tapa ‘Buñuelos de queixo Arzúa-Ulloa con xarope de fresa e golpe de canela’. Onte recolleron os seus premios no transcurso da feira.

Quen tamén tiveron unha distinción foron os novos membros da Encomenda do Queixo da Ulloa. Ingresaron na orde o pregoeiro Víctor Vázquez Portomeñe, o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, e o responsable do grupo García Baquero, Miguel Ángel García Baquero.

Todos agradeceron a distinción e comprometéronse a defender e degustar o queixo de Arzúa-Ulloa sempre que teñan ocasión.

Francisco Conde destacou o valor patrimonial do produto típico da Ulloa e a importancia de Palas a nivel gastronómico, turístico e cultural.

Miguel Ángel García Baquero mostrouse disposto a colaborar na internacionalización do queixo galego. Lembrou que a súa empresa exporta para 56 países de catro continentes e manifestou a súa vontade de que todos os comensais deses lugares poidan desfrutar da calidade do Arzúa-Ulloa.

Casa Camilo foi o establecemento gañador do concurso de tapas, no que participaron doce locais de hostalería de Palas

Comentarios