Vasos rebordantes de cólera

Din que son a nova clase de pobres: máis do 57% no paro. O seu futuro é unha chaira gris pola que camiñan cunha xigantesca mochila de soños rotos. Deberan ter coidado con eles: non son de cristal, son vasos de carne rebordantes de cólera.

Hai unha mocidade admirable que fixo o que estaba nas súas mans e agora peta contra o valado laboral e volve coas mans baleiras. Para que serve tanto esforzo, tanto sacrificio económico, tanto estudo se pechan as portas aos titulados. Durante moitos anos foi un bo camiño para promoción social. E a chamada sociedade do coñecemento, unha fonte de riqueza persoal e social. Onde queda a recomendación do avó: «estuda, meu fillo, para que sexas home de proveito»?

Sen preguntarlles pola súa valía, pola súa intelixencia, a Lomce do ministro Wert veta a universidade a estudantes sen recursos. Económicamente contraproducente, suporá perdas enormes para a sociedade. Se a universidade volve ser dereito herdado dunha caste social ou reduto das élites económicas, faltará das aulas parte dos mellores, dos máis brillantes, dos excelentes... de familia pobre. Daquela, a educación deixará de ser ferramenta de igualación social e o cuñadismo substituirá á meritocracia. A flexibilidade laboral non crea máis traballos: aumenta as ganancias dos empresarios. Na deprimida España, nunha paisaxe de parados, resulta que hai máis millonarios.

Vemos a situación terrible de graduados sen emprego ou con empregos moi por debaixo dos títulos. Rapazas sobresaíntes, rapaces ben preparados, avergoñados na penumbra da casa. Algúns, derrotados pola depresión, son unha mestura explosiva. A crise mostra o cinismo dunha ideoloxía cruel coa maioría. Rapaces con doutoramento traballan de camareiros. Os que soñaban con seren mileuristas chegarán con sorte a quiñentoseuristas. Outros, sen emprego e sen educación, conforman unha xeración global nun mundo de esperanzas frustradas.

No universo da mocidade conviven rapaces que non traballan cos que abordan estudos que non garanten traballos. Outros, ansiosos de estudar, non poden pagar: taxas inxustas medran en progresión xeomética e vacinan contra a mobilidade social. As becas desaparecen e con elas toda igualdade de oportunidades. A mestura social, a sociedade dos cidadáns volve ser sociedade estamental, compartimentos estancos de privilexiados e de excluídos.

Unha sociedade hostil, suicida, prescinde da súa única garantía: a mocidade máis formada. Apartados dun futuro mellor, son vistos como carga social e reducidos a seren pequenos gargantúas, exército acrítico de consumidores, mercado para os excesos da industria dun mundo que produce máis lixo que flores. E onde a cólera dos excluídos pode rebordar o vaso da mocidade.

Comentarios